A Xunta lanza un programa de axudas para modernizar as gasolineiras do rural

A Xunta de Galicia publicou un programa de axudas destinado a reforzar as gasolineiras situadas en zonas rurais, que financia accións de modernización tecnolóxica e dixital, mellora da seguridade e ampliación de servizos. O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explicou os detalles da convocatoria durante unha visita ás estacións de servizo de Castroverde, concretamente A Fortaleza e Ariosa, esta última beneficiaria das achegas na pasada edición.
As axudas están dirixidas a gasolineiras localizadas en municipios con menos de 20.000 habitantes ou en parroquias consideradas pouco poboadas ou áreas rurais. O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o 9 de marzo. Como principal novidade, a convocatoria financia a incorporación de desfibriladores con ata 1.500 euros, ademais de apoios de ata 5.000 euros para a adquisición de grupos electróxenos.
O orzamento total ascende a 800.000 euros, cun máximo de 30.000 euros por solicitude. Tal como na anterior edición, tamén se cubren instalacións necesarias para implantar servizos de retirada de diñeiro en efectivo, así como outros equipamentos de pago e plataformas para a adquisición de produtos.
Na última convocatoria, este programa repartiu 70.000 euros entre oito gasolineiras da provincia, situadas en Paradela, Baralla, Begonte, Taboada, A Pastoriza, Guntín, Outeiro de Rei e Castroverde. As actuacións incluíron procesos de dixitalización, instalación de sistemas de telemedición de tanques e sondas, así como medidas para garantir o subministro eléctrico, como xeradores e Sistemas de Alimentación Ininterrompida (SAI).
O delegado territorial subliñou que “a introdución de novos servizos axudará á supervivencia das gasolineiras e á loita contra o despoboamento rural, reunindo unha oferta de grande utilidade para a poboación”. Entre estes servizos destacan a entrega física de pequenas cantidades de diñeiro a clientes de entidades financeiras que teñan acordos coa estación de servizo.