A Xunta mantén a prealerta por escaseza de auga nos ríos Lérez e Grande

A Xunta mantén a situación de prealerta por escaseza moderada de auga nos sistemas do río Lérez, en Pontevedra, e do río Grande, en Camariñas. Así o acordou a Oficina Técnica da Seca, presidida polo director de Augas de Galicia, Roi Fernández, xunto con representantes de Protección Civil, MeteoGalicia e das consellerías de Sanidade e Medio Rural.
Do mesmo xeito, tamén se manteñen medidas equivalentes a unha prealerta no subsistema de Baiona, desde o cal se abastece a poboación do municipio, e farase un seguimento quincenal do subsistema de Zamáns polo descenso do indicador de escaseza.
A Oficina Técnica da Seca xa decidira en agosto un control especial no río Anllóns, que agora se mantén. Porén, estas vixilancias non implican polo momento a aplicación de medidas adicionais.
O resto das unidades territoriais da Demarcación Galicia-Costa seguen en situación de normalidade, cunha ocupación media dos encoros de abastecemento do 70,87 %, un 5,19 % inferior á media dos últimos cinco anos.
A situación actual responde ao descenso estival dos caudais dos ríos, motivado pola falta de choivas, a evaporación polas altas temperaturas e o incremento de poboación nalgunhas zonas.
No caso da prealerta, afecta a 19 concellos das provincias da Coruña e Pontevedra, ademais de Baiona, e implica que os municipios deben informar diariamente a Augas de Galicia do consumo de auga e establecer medidas de aforro e sensibilización.
Recoméndase á veciñanza un uso responsable da auga, reducindo actividades de elevado consumo como o enchido de piscinas ou o rego con auga potable, e adoptando boas prácticas cotiás como usar programas eco nos electrodomésticos, ducharse en vez de bañarse ou pechar a billa cando non se precise.
A Oficina Técnica da Seca tamén pide aos concellos minimizar os consumos municipais non esenciais, como o baldeo de rúas, o rego de parques ou as duchas de praias con auga potable.