A Xunta modifica o protocolo de actuación ante unha alerta meteorolóxica

O Consello de Goberno da Xunta aprobou a actualización dos protocolos da Administración autonómica para tomar medidas no ámbito educativo e deportivo ante unha alerta meteorolóxica.
As decisións serán tomadas polos representantes das diferentes consellerías que forman parte da Comisión Escolar de Alertas e a Comisión de Alertas Meteorolóxicas Deportivas. Aos membros das consellerías de Presidencia, Xustiza e Deportes; de Medio Ambiente e Cambio Climático; de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional súmase agora, segundo explicou Rueda, a de Política Social e Igualdade, “da responsable da educación de 0 a 3 anos”.
Outras das principais novidades, tal e como explicou o presidente, é que “se establecen uns criterios para adoptar diferentes medidas en función do nivel de alerta” no que se atope a comunidade, un concello ou nunha zona concreta.
Ordinariamente a emisión deste parte prodúcese ás 11.00 horas, aínda que se monitorizará a súa evolución por se correspondesen novas decisións. En caso de non coincidencia das previsións entre os partes, as medidas que se aplicarán adaptaranse ao máis desfavorable.
Ámbito educativo
Cando a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes reciba un boletín meteorolóxico da Aemet informando da previsión dunha situación de alerta de fenómeno meteorolóxico adverso que poida afectar a seguridade dos alumnos dos centros escolares ou ben a seguridade no transporte de escolares por estrada, convocará a Comisión Escolar de Alertas para a adopción de medidas eficaces de protección.
Están consideradas como situación de alerta de fenómeno meteorolóxico adverso que pode afectar a seguridade do alumnado nos centros ou do transporte escolar as alertas de nivel laranxa ou vermello. Tal e como explicou Calvo, por definición, as alertas de nivel amarelo non supoñen un risco para a poboación en xeral, sen prexuízo de que, atendendo á natureza do fenómeno, a Comisión, por instancia dalgún dos seus membros, poida acordar reunirse para os efectos de valorar a necesidade de adoptar medidas.
Criterios para a adopción de medidas
A principal novidade do protocolo é o establecemento de criterios para a adopción de medidas vencelladas a cada nivel de alerta. No caso do nivel vermello procederá á suspensión da actividade docente nos centros, as actividades extraescolares e o transporte de escolares. Isto determina a non obrigatoriedade do profesorado de acudir ao centro.
A súa extensión poderá incluír a totalidade do ámbito territorial da Comunidade Autónoma ou concellos de determinadas zonas xeográficas de aviso incluídas no protocolo e coincidentes coas agrupacións de concellos determinadas por MeteoGalicia.
No que atinxe ao nivel laranxa, en función do rango do prognostico, da tipoloxía do fenómeno e do ámbito temporal deste, segundo o acordado pola Comisión Escolar de Alertas poderanse suspender a actividade docente nos centros e as actividades extraescolares e, mesmo, o transporte de escolares.
Con carácter xeral, unha situación de alerta de nivel laranxa por chuvia nunha hora ou en 12 horas implicará a suspensión das actividades escolares no exterior e por neve implicará a suspensión da actividade docente e o transporte de escolares.
As situacións de alerta de nivel laranxa por vento, con carácter xeral, implicará a suspensión das actividades escolares no exterior, e poderá chegar á suspensión da actividade docente e o transporte de escolares en función da valoración de factores como o da súa afectación no horario lectivo, o sostemento do fenómeno no tempo (como sucedeu recentemente na Mariña) e a concorrencia con outros fenómenos meteorolóxicos adversos.
No nivel amarelo, con carácter xeral, non se adoptarán medidas de suspensión de actividades ao aire libre, suspensión do transporte ou da actividade escolar. Non obstante, atendendo ao ámbito espacio-temporal do fenómeno e a súa tipoloxía, a Comisión Escolar de Alertas poderá propoñer as medidas que considere necesarias para garantir a seguridade do alumnado.
Adaptación ás circunstancias
En calquera dos niveis de alerta, se as circunstancias da localidade onde se atopa o centro supuxesen un risco detectado superior ao declarado, as persoas directoras poderán, coa comunicación previa á dirección territorial da consellería competente en educación, adoptar decisións de suspensión da actividade docente, incluíndo as actividades que se desenvolvan no exterior do centro escolar ou sobre as actividades extraescolares.
Este filtro a través da dirección territorial para casos excepcionais supón tamén unha novidade como intermediación e apoio aos centros. Trátase de casos puntuais e acoutados como os que se poden producir en centros situados en zonas máis expostas ao vento e á chuvia ou cun acceso máis complexo en que se pode acumular xeo, por exemplo.
Ademais, as consellerías competentes en educación e mobilidade poderán decidir a exclusión de calquera das decisións aos centros situados no espazo urbano das sete grandes cidades cando as condicións do adverso declarado non afecten gravemente as condicións de circulación nas rúas integradas na trama urbana.
Comunicación das medidas
Calvo salientou que nestes casos, “a comunicación” das medidas a tomar “é algo fundamental” que tamén queda recollido nos novos protocolos. A suspensión das clases, como máxima limitación na actividade escolar, comunicarase “aos centros, aos docentes e ás familias do alumnado das zonas afectadas a través de Abalar, como xa se fixo recentemente por primeira vez e con éxito na Mariña”. “Calquera outra decisión de menor intensidade será comunicada directamente aos centros”, indicou, e a través do Portal Educativo. Achegarase acta da Comisión Escolar de Alertas que sinala as medidas adoptadas tanto por parte da consellería con competencias en educación como pola Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, no caso de escolas infantís, a todos os responsables dos centros educativos respectivos. A comunicación realizarase coa maior previsión posible, antes da 13.00 horas do día anterior ao inicio do evento se o parte así o permite ou en calquera outro momento de maneira extraordinaria.
A comunicación de suspensión do transporte será comunicada polas persoas responsables dos correspondentes contratos ou directamente pola Dirección Xeral de Mobilidade aos representantes de cada empresa ou unión temporal de empresas concesionaria ou contratista dos respectivos servizos de transporte, empregando os medios tecnolóxicos habilitados para tal fin.
Ámbito deportivo federado
O protocolo da Xunta para actuacións no ámbito deportivo federado ante alertas meteorolóxicas establece o proceso de toma de decisións que serán valoradas pola Comisión de Alertas Meteorolóxicas Deportivas. No caso dunha alerta vermella, toda a actividade deportiva federada e do Programa Xogade será suspendida. Se a alerta é laranxa, dependerá do fenómeno que a xere. Por vento ou choiva suspenderase a actividade deportiva federada e do Programa Xogade no exterior. Unha alerta laranxa por neve implicará a suspensión de todas estas actividades e se é por fenómenos costeiros implicará tamén a suspensión no mar.
No caso dunha alerta laranxa por baixas temperaturas non implicará suspensión e por onda de calor tampouco, agás decisión da Comisión segundo a intensidade do episodio. Se o nivel da alerta é amarelo, non se suspenderá a actividade deportiva.
A comunicación de suspensión da actividade deportiva será realizada mediante medios electrónicos e a través das redes sociais pola Secretaría Xeral para o Deporte coa maior previsión posible, por norma xeral, antes da 13.00 horas do día anterior ao inicio do evento se o parte así o permite ou en calquera outro momento de maneira extraordinaria. Os destinatarios das comunicacións serán a Unión de Federacións Deportivas Galegas (Ufedega), as federacións deportivas de Galicia, as agrupacións deportivas escolares afectadas, así como as instalacións deportivas dependentes da Xunta.