A Xunta recoñecerá a creatividade, a mestría e os novos talentos do sector artesán nos Premios Artesanía de Galicia 2025

A convocatoria dos Premios Artesanía de Galicia 2025 inclúe tres categorías: Premio Artesanía de Galicia, Premio Traxectoria e as bolsas Eloy Gesto. Poderanse presentar candidaturas entre o 15 e o 26 de setembro.
Premios Artesania
25 Jun 2025

A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a convocatoria dos Premios Artesanía de Galicia 2025, cunha dotación total de 21.000 euros. Establécense tres categorías: Premio Artesanía de Galicia, con 9.000 euros; Premio Traxectoria, de carácter honorífico; e as tres bolsas Eloy Gesto, de 4.000 euros cada unha para formación especializada en centros de prestixio.

As candidaturas poderán presentarse entre o 15 e o 26 de setembro. As de Premio Traxectoria e bolsas Eloy Gesto deberán entregarse por vía telemática, mentres que as do Premio Artesanía de Galicia se presentarán presencialmente na sede da Fundación Artesanía de Galicia.

O obxectivo dos premios é recoñecer e dar visibilidade ao sector artesán galego, promover o relevo xeracional e fomentar a innovación e o deseño nos procesos de produción. Valorarase a creatividade, a calidade da obra e a conservación das técnicas tradicionais.

Na edición anterior, a gañadora do Premio Artesanía foi a cesteira Julia de la Cal pola súa peza Periferia #01. O Premio Traxectoria foi para Albino Quinteiro, e as bolsas Eloy Gesto foron concedidas a Carla Souto, Mónica Bastón e Santiago Besteiro.

⚙ Configurar cookies
0.31706190109253