A Xunta reforza o apoio ás agrupacións de Voluntarios de Protección Civil na Coruña

A Xunta Directiva da Asociación Provincial de Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil da Coruña reuniuse coa delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo. Oliva García Trasancos é a primeira presidenta deste colectivo a nivel provincial. Tras 24 anos como voluntaria en Bergondo, Oliva García Trasancos asumiu o seu novo cargo a finais de decembro. Durante a xuntanza, Belén do Campo coñeceu de primeira man o traballo realizado polos voluntarios e escoitou as súa principais demandas.
A delegada da Xunta destacou o labor altruísta destas agrupacións, fundamentais para reforzar os servizos de emerxencias da comunidade. Ademais, subliñou o compromiso do Goberno galego con este colectivo, lembrando que este ano se incrementaron as axudas ata os 370.000 euros para gastos de funcionamento das agrupacións de persoal voluntario de Protección Civil, o que supón un aumento de 30.000 euros respecto a anos anteriores. No pasado exercicio, 64 asociacións da provincia recibiron un total de case 115.000 euros.
A convocatoria de axudas deste ano, cuxo prazo de solicitudes xa finalizou, estivo dirixida a entidades de concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades e agrupacións de municipios inscritas no Rexistro de Agrupacións de Persoal Voluntario de Protección Civil (AVPC). Estas axudas permiten cubrir necesidades como equipamento, vestimenta, material informático e de comunicación, conservación e mantemento de bases e medios de intervención, así como custos de formación e seguros para os voluntarios.
Investimento en material e formación
Ademais da línea de axudas para gastos de funcionamento, a Xunta mantén o seu compromiso coa dotación de material para estas agrupacións. Nos últimos anos, destináronse 18 millóns de euros en apoio ás 235 agrupacións de voluntarios de Protección Civil de Galicia, que contan con máis de 4.000 integrantes. Desta cifra, 14 millóns foron destinados a reforzar o equipamento, mentres que os 4 millóns restantes serviron para cubrir custos de funcionamento.
No eido formativo, Belén do Campo anunciou a convocatoria de cursos especializados para socorrismo en instalacións acuáticas e espazos naturais, dos cales dous cursos terán lugar na provincia da Coruña. Tamén se ofertará un curso de reciclaxe de socorrismo acuático, necesario para renovar a inscrición no Rexistro Profesional do Persoal de Socorrismo de Galicia. O 30 % das prazas estarán reservadas para voluntarios activos das agrupacións de Protección Civil.
A oferta formativa ampliarase con 121 cursos organizados pola Academia Galega de Seguridade Pública, cun total de case 3.000 prazas dispoñibles. Estes cursos incluirán formación básica obrigatoria, actividades de loxística, manexo de equipos e apoio en intervencións. Ademais, para os profesionais dos servizos de emerxencias haberá 1.423 prazas distribuídas en máis de 50 cursos sobre rescate, intervención, axudas técnicas e xestión de emerxencias.
A Xunta reforza as súa aposta pola descentralización xeográfica e a formación en liña para garantir un maior acceso a estes cursos, asegurando que tanto os voluntarios de Protección Civil como os profesionais do sector poidan continuar coa súa preparación e mellora das súa competencias en materia de emerxencias.