A Xunta reparte máis de 5 millóns en axudas para mellorar redes de auga en concellos pequenos

A Xunta de Galicia concedeu este ano máis dun cento de axudas a concellos con menos de 20.000 habitantes para financiar ata o 100% do custo de obras destinadas a mellorar o funcionamento das súas redes de abastecemento e de saneamento.
Así o destacou en Begonte a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, quen lembrou que Augas de Galicia repartiu un total de 5 millóns de euros mediante achegas que chegan ata un máximo de 45.000 euros por proxecto.
O concello lucense de Begonte foi un dos beneficiarios desta convocatoria ao recibir dúas subvencións. A primeira, de 43.395,91 euros, permitirá reforzar a traída municipal de augas e reducir fugas e perdas, mentres que a segunda, de 45.000 euros, está destinada a optimizar a rede de saneamento a través da diminución das infiltracións.
Segundo explicou a conselleira, os traballos vinculados ao abastecemento arrancarán en setembro e contemplan a substitución de colectores con fugas en varios núcleos rurais, a dixitalización da rede con contadores de caudal e outras melloras como a reposición de pavimentos ou a instalación de arquetas e válvulas. No caso da rede de saneamento, tamén está previsto iniciar as actuacións o vindeiro mes de setembro co obxectivo de reducir a entrada de augas pluviais e freáticas, mellorar a eficiencia da actual EDAR e abaratar custos de bombeo, explotación e mantemento.
A responsable autonómica subliñou que, aínda que se trata de intervencións de pequena escala, teñen unha gran transcendencia para o municipio, ao tempo que incidiu en que permitirán dar continuidade ás auditorías realizadas nos anos 2022 e 2024 tamén con apoio de Augas de Galicia. Estes estudos técnicos serven para facer unha diagnose precisa do estado das redes municipais, detectar puntos débiles e propoñer solucións aos problemas identificados, reforzando a calidade dos servizos hidráulicos.
Cómpre lembrar que grazas a estes incentivos a Xunta financiou xa 177 auditorías de abastecemento e saneamento en Galicia nos últimos anos. Para este 2025 convocáronse dúas novas ordes de axudas cun orzamento global de 1,4 millóns de euros que permitirán encargar máis de 100 análises adicionais sobre o estado das traídas municipais e das redes de depuración.