A Xunta súmase a “Deixa xogar”, o proxecto para erradicar a violencia no deporte base

A Xunta de Galicia súmase ao proxecto “Deixa xogar”, impulsado pola Unión de Federacións Deportivas Galegas (Ufedega), unha iniciativa pioneira que busca erradicar a violencia no deporte base e avanzar na creación de espazos seguros para toda a comunidade deportiva. A presentación contou coa participación do conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e do secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa.
O obxectivo principal é promover a concienciación social e o rexeitamento frontal de calquera tipo de violencia no deporte. Baixo o lema “O xogo é deles. O respecto é noso”, o proxecto contempla a elaboración dunha guía formativa e informativa dirixida a deportistas, adestradores, familias e público. O documento incluirá datos reais, infografías, descrición de contornas seguras e non seguras, códigos de conduta, regulación disciplinaria e pautas claras para detectar, previr e actuar ante situacións de violencia.
Diego Calvo subliñou que a loita contra esta lacra debe ser “un partido de todos”, no que administracións, clubs, federacións e familias teñen que estar implicadas para garantir un deporte máis respectuoso e coidadoso coas persoas máis novas.
A presentación chega poucos días despois da aprobación no Parlamento da modificación da Lei do Deporte de Galicia, un cambio lexislativo que permitirá ao Goberno galego exercer a acción popular en casos de violencia no deporte e clarifica os prazos de prescrición das infraccións e sancións.
O conselleiro tamén puxo en valor o traballo da Comisión Galega de Control da Violencia, que instrúe e resolve expedientes sancionadores —70 nos últimos catro anos— e actúa ante incidentes en competicións autonómicas, provinciais, zonais e locais. Ademais, lembrou a aprobación en 2024 do Protocolo de protección de nenos, nenas e adolescentes fronte á violencia no deporte, pioneiro no Estado e de obrigado cumprimento para todas as entidades deportivas galegas.
Xunto a estas medidas, a Xunta continúa organizando xornadas formativas, campañas de sensibilización e accións divulgativas dirixidas a promover unha cultura deportiva baseada no respecto e na prevención.