Abegondo acolle a fundación da Asociación de Concellos Galegos Afectados pola AP-9

A entidade reclamará que a concesionaria asuma o pagamento íntegro do Imposto sobre Bens Inmobles (IBI)
ap9-afectados
7 May 2025

O salón de plenos de Abegondo acolleu o acto fundacional da Asociación de Concellos Galegos Afectados pola Autoestrada de Peaxe AP-9, unha entidade que nace como fronte común para reclamar unha “causa xusta e histórica” relacionada coa xestión desta infraestrutura. A xornada serviu para asinar os estatutos que rexerán o funcionamento da agrupación, que queda aberta á incorporación de novos concellos.

Na súa constitución formal, a asociación está integrada por once municipios que completaron os trámites necesarios nos seus plenos: Abegondo, Cabanas, Ferrol, Narón, Neda, Ordes, Paderne, Padrón, Portas, Teo e Valga. Tamén asistiron ao acto representantes de A Coruña, Oroso e Betanzos, que manifestaron a súa intención de adherirse en canto sexa posible, así como outros concellos que non puideron acudir finalmente, como Miño, Cambre, Mesía ou Culleredo.

A presidencia da asociación será exercida por Abegondo, a proposta de Valga e co respaldo dos asistentes. A vicepresidencia corresponderá a Neda; a secretaría, a Portas; a tesourería, a Ordes; e como vogais estarán Narón, Padrón e Cabanas.

Durante o encontro, o alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso, afirmou que “é moita hora de que a concesionaria cumpra coas súas obrigas como calquera cidadán”. Afirmou que a creación desta entidade busca “que non baixemos a garda nunca e garantir que recibimos o que nos corresponde por lei da AP-9”.

Santiso tamén fixo un chamamento ao consenso institucional, pedindo aos membros que “todos os partidismos se deixen fóra”. “Esta agrupación nace como fronte municipalista para defender os dereitos dos nosos veciños e veciñas ante unha infraestrutura que nunca nos tivo en conta, os intereses políticos non caben aquí”, engadiu.

A asociación reclamará que a concesionaria da AP-9 asuma o pagamento íntegro do Imposto sobre Bens Inmobles (IBI), tras décadas beneficiándose dunha bonificación do 95 %. Así mesmo, demandarase unha actualización catastral que non se revisa desde 2007, co obxectivo de adaptar os valores á situación actual e aumentar os ingresos municipais.

As deputacións da Coruña e Pontevedra, que xestionan a recadación tributaria en moitos dos concellos implicados, xa notificaron o IBI completo de 2024 á concesionaria e prevén facer o mesmo cos últimos catro meses de 2023, unha medida aliñada coas reivindicacións da nova entidade.

⚙ Configurar cookies
0.10586810112