Abegondo constituirá a Asociación de Concellos Galegos Afectados pola AP-9

O Concello de Abegondo dará un paso clave o vindeiro martes, 6 de maio, na loita común dos municipios galegos afectados pola autoestrada AP-9. Será ás 12.00 horas, na Casa do Concello, cando se constitúa oficialmente a Asociación de Concellos Galegos Afectados pola Autoestrada de Peaxe AP-9, unha entidade que nace co obxectivo de recuperar o pagamento íntegro do IBI por parte da concesionaria da vía.
Na xuntanza, os representantes municipais levarán a cabo os trámites necesarios para inscribir a nova entidade no Rexistro de Asociacións da Xunta de Galicia. Ademais da constitución formal, abordarase a aprobación dos estatutos que regularán o funcionamento da asociación, a designación dos cargos da comisión executiva e a sinatura da acta fundacional.
Nos últimos meses, Abegondo exerceu un papel de liderado nesta iniciativa. O alcalde, José Antonio Santiso, expresou a súa confianza en que a creación da asociación “axilice estes trámites e sirva para que os concellos galegos recuperen o que se lles debe pola afección desta vía”. O rexedor incidiu en que a entidade procurará resolver “unha demanda histórica”: que a concesionaria da AP-9 pague o 100 % do imposto sobre bens inmobles (IBI), xa que actualmente conta cunha exención do 95 % en virtude dunha lei estatal de 1972.
No caso concreto de Abegondo, o Concello só percibe 29.771,04 euros anuais polo IBI da autoestrada, cando debería ingresar 595.000 euros ao ano, segundo os cálculos municipais. Isto débese a que polo termo municipal discorren 20 quilómetros de calzada, con peaxes e instalacións asociadas.
Outro dos obxectivos da nova asociación será promover a actualización catastral da infraestrutura, cuxo valor de referencia data de 2007. Para os concellos implicados, isto permitiría adaptar os ingresos á realidade actual, incrementando os recursos municipais dispoñibles.
Durante os últimos meses, Abegondo impulsou varios encontros nos que participaron máis dunha vintena de municipios. En novembro de 2024, o pleno municipal aprobou a proposta de adhesión á asociación e os seus estatutos co apoio do PP e do PSOE locais, e co único voto en contra do BNG.