Aberto o prazo de inscrición para a IX edición da carreira nocturna SantYaGo 10K o vindeiro 10 de maio

A proba percorrerá as rúas máis emblemáticas de Santiago e incorpora a SantYaGo10k Escolar, cun percorrido de 4 quilómetros para mozos e mozas de 10 a 17 anos
SantYaGo 10K
20 Feb 2025

Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 2025 – Xa está aberto o prazo de inscrición para participar na IX edición da carreira nocturna SantYaGo 10K, que se celebrará o vindeiro sábado 10 de maio ás 22:00 horas. A carreira, homologada pola Federación Española de Atletismo e organizada coa colaboración do Departamento de Deportes do Concello de Santiago, ofrece un percorrido polas rúas máis emblemáticas da cidade, con saída en San Francisco e meta na Praza do Obradoiro, atravesando a súa zona monumental nun 50% do trazado.

Novidades para os máis novos
Este ano, como novidade, inclúese a SantYaGo10k Escolar, unha proba dirixida a mozos e mozas de 10 a 17 anos, cun percorrido de 4 quilómetros que se celebrará ás 20:00 horas. A carreira terá a saída e chegada na Praza do Obradoiro e discorrerá pola zona monumental de Santiago.

Na presentación oficial, a concelleira de Deportes, Pilar Lueiro, destacou a importancia desta carreira dentro do circuito de carreiras Patrimonio da Humanidade e recordou a colaboración da asociación ENKI, que promove a inclusión de persoas con diversidade funcional no lecer e o deporte, especialmente menores que poderán participar con transporte adaptado.

Un evento deportivo, festivo e solidario
A SantYaGo 10K está orientada ao corredor popular, co obxectivo de combinar deporte, lecer e cultura. Durante o percorrido haberá actuacións en directo e realizaranse sorteos para corredores e voluntarios. “É un evento deportivo, pero tamén festivo”, afirmou Pilar Lueiro, quen animou á cidadanía a participar, xa sexa correndo ou animando polas rúas.

No seu lado máis solidario, a carreira contará co 'dorsal peregrino' e a posibilidade de realizar doazóns. Este ano, a recadación destinarase a ASPANAES, unha entidade con máis de 45 anos de traxectoria dedicada a apoiar ás persoas con autismo e ás súas familias ao longo de todo o ciclo vital.

Inscricións abertas
O período de inscrición permanecerá aberto ata o 6 de abril cun prezo reducido de 10€. A partir do 7 de abril e ata o 4 de maio, o custo pasará a ser de 13€. As inscricións poderán realizarse a través da páxina web oficial da SantYaGo 10k ou de maneira presencial no Multiúsos Fontes do Sar ou no Complexo Deportivo Santa Isabel.

Os abonados ao Multiúsos Fontes do Sar e ao CD Santa Isabel contarán cun desconto de 2€. A participación na SantYaGo Escolar será completamente de balde.

Historia da carreira
A SantYaGo10k naceu en 2015 da man do Club de Atletismo Fontes do Sar, co obxectivo de crear unha proba pensada para corredores populares, recollendo os mellores elementos de diferentes carreiras realizadas en toda España.

O evento conta co apoio do Concello de Santiago, o Multiúsos Fontes do Sar/Complexo Deportivo de Santa Isabel e as federacións galega e española de atletismo. Tamén colaboran entidades como a Policía Local de Santiago, Protección Civil, Cruz Vermella, a Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña, Deporte Galego, Turismo de Santiago de Compostela e outras empresas e patrocinadores locais.

0.11963200569153