Abonos disponibles

Por Julia M.ª Dopico Vale y Piñeiro.
O 19 de xuño a Real Filharmonía de Galicia inauguraba a nova tempada 2025-2026 co suxestivo lema “Historias”. Quizais polo feito de que en febreiro cumprirá o seu 30 aniversario —desde o seu nacemento en 1996—, o que fai que Galicia conte con dúas orquestras principais —xunto á Sinfónica—, con características diferentes musicalmente falando —algo que non acaba de apreciarse— e, por tanto, perfectamente compatibles.
Abrigaba entón —entre outras cousas— o entusiasmo que alenta o converter os soños en realidade nunha comunidade na que o panorama musical era complicado, herdeiro da pouca importancia que historicamente se lle deu á música académica neste país, considerada unha “arte de segunda” fronte a outras manifestacións artísticas como a literatura ou a pintura. Naquel momento, e lembrando que houbo precursores previos, moitos consideramos que aquilo era unha primavera cultural coa que se restablecían antigos danos e insensibilidades, impregnando o ambiente dun perfume de sutil fragrancia, como o dunha verdadeira raíña.
A RFG nesta nova tempada volve ás súas orixes, mais non mergullada na nostalxia ou nesa morriña ou saudade nosa, senón recuperando a historia como orixe dun presente que destaca polos seus concertos e por desenvolver o seu labor didáctico, o obradoiro de composición, a colaboración coa EAEM, os concertos de barrio, os ciclos (EN) FOCO, coa finalidade de atraer un novo público mediante propostas transversais, ou COMETAS, para dar espazo á nova creación contemporánea, etc.
A RFG ofrece para achegarnos ás súas propostas, xunto cos habituais abonos anuais, outras opcións adaptadas aos distintos públicos. Están dispoñibles desde o 4 de setembro —Compostela Cultura—. Sirva isto para, como apuntaba o seu actual director A. Brönnimann, “escribir as novas historias dunha orquestra que mira adiante con orgullo do seu pasado e coa ilusión que aínda está por descubrir”.