Abre a convocatoria da segunda edición do programa Marela! de apoio á recría de Raza Rubia Galega

O prazo para presentar solicitudes será de 20 días hábiles, desde o 15 de maio ata o 11 de xuño
programa-marela-presentacion
14 May 2025

A área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo abre este mércores, 15 de maio, a convocatoria da segunda edición do programa Marela!, co obxectivo de apoiar a recría de Raza Rubia Galega nas ganderías da provincia.

As bases da convocatoria, publicadas este martes no Boletín Oficial da Provincia, establecen axudas de 400 euros por xovenca nacida na propia granxa, que teña acreditado un parto antes dos 36 meses e estea inscrita no Rexistro Definitivo do Libro Xenealóxico da Raza Rubia Galega, xestionado pola Acruga.

O deputado de Medio Rural, Daniel García, visitou a gandería Finca Villadangos, en Sabarei (O Corgo), onde destacou que se incrementa a cobertura do programa "ampliando a idade dos animais subvencionables ata os tres anos, tendo en conta a experiencia da pasada edición e a demanda das ganderías, coas que tratamos de manter un contacto directo para que as axudas sexan máis áxiles e útiles".

García enmarcou o programa Marela! dentro das políticas de apoio á conservación e promoción das razas autóctonas, “colaborando e incentivando coa achega económica a conservación e a mellora xenética da Raza Rubia Galega, que sustenta boa parte da gandería de vacún de carne na provincia, esencial na produción de alimentos de calidade e na conservación do territorio”.

O orzamento desta edición ascende a 250.000 euros, 50.000 máis ca o ano pasado. As axudas están limitadas a un máximo de seis animais por explotación, cun tope de 2.400 euros por gandería.

O prazo para presentar solicitudes será de 20 días hábiles, desde o 15 de maio ata o 11 de xuño, ambos incluídos. Os formularios están dispoñibles na páxina web da Deputación de Lugo, na sección Medio Rural e Mar.

As persoas físicas poderán elixir entre presentar a solicitude de maneira electrónica ou presencialmente no Rexistro da Deputación. No caso das persoas xurídicas, o trámite deberá realizarse exclusivamente por vía electrónica.

Na edición anterior, un total de 251 ganderías beneficiáronse destas axudas, dirixidas á promoción e potenciación da Raza Rubia Galega.

⚙ Configurar cookies
0.082544088363647