Abre o prazo para solicitar as axudas de creación de empresas de base tecnolóxica

Están dotadas 500.000 euros, poderán pedirse ata o 30 de setembro e inclúen achegas para as contratacións indefinidas, o inicio da actividade, a conciliación e a función de xerencia
trabajo_internet_ordenador_recurso
21 Apr 2025

As axudas autonómicas para impulsar iniciativas de base tecnolóxica (IEBT) poderán solicitarse desde este martes 22 de abril ata o 30 de setembro. Así o especifica a convocatoria deste ano publicada esta semana no Diario Oficial de Galicia (DOG) e que está dotada con medio millón de euros para atender os gastos destes emprendedores durante o primeiro ano de actividade. Con ese fin, estímase que desta iniciativa se poidan beneficiar ata 21 proxectos.

A convocatoria conta con apoios económicos para facilitar o lanzamento das iniciativas en catro eidos: para a creación directa de emprego estable, inicio e posta en marcha da actividade, apoio á función xerencial e conciliación da vida persoal, laboral e familiar. As achegas poderán ser de ata 24.000 euros para a creación directa de emprego estable, de ata 30.000 para o inicio e posta en marcha da actividade ou de ata 12.500 euros para apoiar a función xerencial, tendo en conta que cando a IEBT sexa cooperativa ou sociedade laboral, a axuda se incrementará nun 25%. No caso da liña de conciliación, a achega poderá chegar ata 3.000 euros.

A axuda mínima de 6.000 euros por persoa desempregada incorporada para a creación de postos de traballo indefinidos durante o primeiro ano de funcionamento ampliarase ata os 8.000 nos casos nos que o traballador sexa menor de 30 anos ou maior de 52, sexa muller ou se trate dun emigrante retornado ou estranxeiro. Ademais, seguiranse a incrementar as achegas cun 25% extra acumulables se o centro de traballo se atopa nun concello rural, entre outros supostos.

Os gastos de posta en marcha da actividade inclúen os derivados dos servizos de notaría e rexistro, compra de materias primas, arrendamento do local ou equipamentos, seguro, publicidade e páxinas web. En canto aos apoios á conciliación, permitirán sufragar ata o 75% dos custos dos servizos de coidado de menores, maiores ou dependentes que contraten os impulsores das iniciativas e, os apoios económicos á función xerencial, inclúen achegas para a formación do empresario e/ou para a realización externa de análises, estudos ou informes.

Traxectoria do programa

Este programa, con case 25 anos de traxectoria, busca impulsar o espírito emprendedor entre persoas investigadoras e tituladas universitarias e que os seus traballos dean lugar á creación de iniciativas empresariais que dinamicen o emprego científico e tecnolóxico. Isto contribúe a que a día de hoxe Galicia conte con 188 proxectos activos de base tecnolóxica.

Ademais, desde o nacemento desta iniciativa pioneira no Estado, no 2001, o Goberno galego favoreceu a creación de máis de 2.200 postos de alta cualificación e de máis de 400 empresas consideradas IEBTS, a razón dunha media de 17 firmas por ano. A maior parte dos proxectos desenvolvéronse no ámbito das actividades científicas e da información e comunicación. De feito, algunhas das empresas máis punteiras da comunidade relacionadas cos ámbitos da química, coas solucións tecnolóxicas en gandaría e coa intelixencia artificial e tecnoloxías de vídeo e televisión naceron como un proxecto IEBT.

⚙ Configurar cookies
0.12121891975403