Abre un ciclo de concertos en feminino pola provincia con motivo do 8M

GaliciaXa
Organizan actuacións de Laura LaMontagne & PicoAmperio, en Vilalba; Uxía, na Fonsagrada; De Vacas, en Taboada; e Habelas Hainas, en Barreiros,
CARTAZ DIXITAL CONCERTOS 8M DEPUTACION LUGO PORTADA
CARTAZ DIXITAL CONCERTOS 8M DEPUTACION LUGO PORTADA
3 Mar 2022

A Deputación de Lugo lanza esta fin de semana o ciclo de concertos Con Voz de Muller 8-M, unha nova iniciativa organizada por primeira vez este ano pola institución, que pretende achegar aos concellos da provincia música en feminino con motivo do Día Internacional da Muller, que se conmemora cada 8 de marzo. A Deputada de Muller e Igualdade, María Loureiro García, explica que serán gratuítos para facilitar a participación cidadá e incide en que o obxectivo é “sensibilizar, romper estereotipos e favorecer a visibilización e o empoderamento das mulleres a través da música de mulleres con voz propia que cantan e expresan os nosos dereitos a través da música, como o fan os catro grupos que eliximos para esta primeira edición deste ciclo de concertos”.

Loureiro pon o foco en que “cada vez máis temos máis voces no noso panorama musical mulleres que fan música con linguaxe propia, que lle poñen letra á nosa realidade e  reivindicacións, que falan das diferentes formas de querer, e que son o exemplo de como xuntas somos máis e mellores”. Con esta filosofía a Deputación programou para este venres, 4 de marzo, en Vilalba, o concerto de Laura LaMontagne & PicoAmperio; para o sábado, 5 de marzo, o de Uxía na Fonsagrada e o de De Vacas en Taboada; e para o domingo, día 6, o de Habelas Hainas en Barreiros.

Nas súas palabras, a Deputada de Muller e Igualdade recalca que dende a Deputación “pensamos en actividades e horarios para un público familiar e xente nova”. “Cremos que pode ser interesante que os nosos pequenos e pequenas veñan, porque a música é expresión, liberdade e emoción, e a música serve para conmover e remover conciencias”, indica. Subliña Loureiro que neste mundo, o da música, as mulleres seguen véndose obrigadas a loitar contra a invisibilización e o machismo que sofren, como traballadoras, tanto detrás como sobre o escenario, polo que temos que “proxectalas, escoitalas e sentilas”.

30 REPORTAXES

A Deputación de Lugo continúa este ano coa campaña audiovisual que iniciou no 2021 de difusión de pequenas reportaxes elaboradas polo Servizo de Audiovisuais onde se conta a historia e vivencias persoais de mulleres en primeira persoa que residen na provincia de Lugo e traballan en profesións diversas. Ata o momento fixéronse 30 reportaxes, 30 historias doutras tantas mulleres que cada día traballan no territorio da provincia en profesións nas que, aínda hoxe, predominan os homes.    

Coñécense diferentes ópticas, roles e experiencias co obxectivo de visibilizar as situacións de desigualdade que se dan no día a día e, á vez, poñer en valor os numerosos logros diarios que consegue cada unha delas nas múltiples tarefas que asumen a maiores da súa profesión.   

O ciclo visualiza a vida e o traballo de xornalistas, arquitectas, gandeiras, condutoras de autobús, empresarias do sector da construción, redeiras, maxistradas ou mulleres que viven do deporte, entre moitas outras. Estas reportaxes pódense ver na conta de YouTube do Servizo Audiovisuais e nas redes sociais Facebook e Twitter deste servizo da Deputación.

CENTROS DE MAIORES

A Deputación de Lugo prepara ademais nos seus 7 centros de atención a maiores un conxunto de actividades co gallo deste 8 de marzo co fin de traballar coas persoas maiores as desigualdades que sofren as mulleres no seu día a día e nas diferentes profesións que teñen.

En cada unha das sete residencias provinciais –situadas en Trabada, Ribadeo, Pol, A Fonsagrada, Pedrafita do Cebreiro, Castroverde e Meira– terán a súa propia programación, escollendo actividades e accións concretas como relatorios, cine, conversas e debates adaptados á realidade de cada unha das residencias.

DECLARACIÓN INSTITUCIONAL

Estas actividades conmemorativas do 8M dan continuidade a outras iniciativas promovidas pola Deputación para celebrar esta data e seguir defendendo a igualdade real e efectiva entre mulleres e homes. Así, o Pleno da Deputación de Lugo aprobou a semana pasada unha Declaración  Institucional con motivo do 8M, no que a institución reafirma o seu compromiso cos valores do feminismo, esenciais para acadar unha sociedade xusta, e incidindo en que “a igualdade, plena e efectiva, é un obxectivo social irrenunciable e unha necesidade para consolidar a calidade dos sistemas democráticos”.

Así mesmo, a institución provincial coorganizou xunto á Federación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia (Fademur) a xornada A Forza das Mulleres Rurais, un encontro que se celebrou a semana pasada no Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL) e que reuniu a unhas 300 mulleres. Contou coa presenza da Vicepresidenta Terceira do Goberno de España e Ministra para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, Teresa Ribera.

PROGRAMA

  • Vilalba - Concerto de Laura LaMontagne & PicoAmperio
    Data: Venres, 4 de marzo ás 20.00 horas
    Lugar: Auditorio Carmen Estévez
  • A Fonsagrada - Concerto de Uxía
    Data: Sábado, 5 de marzo, ás 20.00 horas
    Lugar: Salón de Actos dos Chaos
  • Taboada - Concerto de De Vacas
    Data: Sábado, 5 de marzo, ás 19.00 horas
    Lugar: Salón de Actos dos Chaos
  • Barreiros- Concerto de Habelas Hainas
    Data: Domingo, 6 de marzo, ás 19.00 horas
    Lugar: Centro Sociocultural Manuel Díaz Sampedro

A Rede Museística ofrece material didáctico sobre igualdade a centros
educativos e familias.

A Rede Museística Provincial pon a disposición de profesorado e familias diferentes materiais didácticos sobre igualdade de xénero. Trátase cadernos dirixidos a diferentes idades e etapas educativas con actividades deseñadas a partir dos fondos e coleccións do Museo de Lugo, do Museo do Mar de San Cibrao, do Pazo de Tor e do Museo Fortaleza de San Paio de Narla.

O obxectivo común é promover o coñecemento e recoñecemento de mulleres artistas, contribuír a eliminar os prexuízos sexistas a partir do debate sobre a representación das mulleres nas creacións artísticas e identificar e valorar o papel das mulleres no desenvolvemento das sociedades, en especial nas comunidades rurais.

O material presentouse no Museo de Lugo nun acto no que participou a xerente da Rede Museística Provincial, Encarna Lago, a directora do Museo de Lugo, Aurelia Balseiro, e persoal dos museos.

Encarna Lago subliñou que “este paquete educativo incorpora por primeira vez actividades penadas para as familias, que complementan as propostas para o ámbito escolar” e incidiu en que “con este material didáctico se proporcionan recursos para traballar e comprometerse coa igualdade durante os 365 días do ano”.

As actividades están deseñadas para seren realizadas tanto de forma presencial como en liña, coas visitas inmersivas que se ofrecen a través da plataforma comunidadermpl.es.

As unidades didácticas estarán dispoñibles para descarga na web da Rede Museística Provincial.

PROPOSTA PEDAGÓXICA

Ademais do material elaborado en base ás coleccións e fondos permanentes dos museos, o paquete educativo sobre igualdade inclúe tamén unha proposta pedagóxica a partir da exposición “A Ulloa. Fotografías centrípetas. Olladas femininas sobre o territorio e as súas xentes”, organizada en colaboración co Instituto de Estudos Ulloáns e comisariada por Patricia Coucheiro González e Susana Varela Negro.

No marco desa proposta, ofrécese a posibilidade de levar ou presentar a exposición nos centros educativos e involucrar logo ao alumnado na elaboración dun traballo fotográfico ou videográfico baseado nunha reflexión, crítica ou posta en valor dalgún aspecto relacionado co territorio.

0.14790010452271