ADEGA Lugo organiza unha ruta pola Illa de Arousa para visibilizar o rexeitamento ao proxecto de Altri

A actividade busca non só dar a coñecer os valores naturais e culturais da illa, senón tamén visibilizar a oposición ao proxecto industrial de Altri
Altri-Non-Adega
17 Jun 2025

A delegación de Lugo da asociación ecoloxista ADEGA organiza este domingo 22 de xuño un roteiro pola Illa de Arousa baixo o lema ALTRI NON!, cun percorrido de dificultade baixa de 9 quilómetros, ampliable pola tarde con outros 9 quilómetros polo Parque Natural do Carreirón. Haberá servizo de autobús con saída desde Lugo e parada en Santiago de Compostela.

A actividade busca non só dar a coñecer os valores naturais e culturais da illa, senón tamén visibilizar a oposición ao proxecto industrial de Altri, unha planta de celulosa prevista a máis de 100 quilómetros da ría pero que, segundo ADEGA, podería ter un forte impacto ambiental e social sobre a zona.

O roteiro comezará na punta do Bao e discorrerá pola banda norte da illa, seguindo o coñecido como balcón da ría de Arousa ata chegar á súa boca, cunha ampla panorámica sobre o arquipélago de Sálvora. Durante o traxecto, os participantes coñecerán aspectos da vida e das tradicións arousás, así como os cambios que trouxo a construción da ponte de acceso á illa.

Xa pola tarde, despois do xantar, quen así o desexe poderá achegarse ao Parque Natural do Carreirón, un espazo protexido incluído na Rede Natura 2000 e declarado zona de especial protección de aves. ADEGA lembra que non se permite o acceso con cans e recomenda levar prismáticos para a observación da fauna.

O autobús partirá ás 8:00 h desde Lugo, cunha parada ás 9:15 h no Pazo de Congresos e Exposicións de Santiago, e a chegada á Illa está prevista para as 10:30 h. O regreso será ás 20:00 h.

As persoas interesadas deberán inscribirse previamente a través da web de ADEGA antes do venres 20 de xuño.

⚙ Configurar cookies
0.17106103897095