Afectados pola falta de pediatra en Castro de Rei, Outeiro de Rei e Cospeito reúnense co Sergas

Mantiveron unha xuntanza co xerente da área sanitaria co que trataron sobre varias alternativas na atención mentres dure esta situación
xuntanza-xerente-sergas
18 Feb 2025

As familias dos concellos de Castro de Rei, Outeiro de Rei e Cospeito, que levan meses con protestas pola falta de atención pediátrica no seu centro de saúde de referencia, recibiron resposta, desde a xerencia da área sanitaria de Lugo, ás súas reclamacións. "As autoridades sanitarias recoñecen que a situación non é idílica e aseguran que o seu obxectivo é evitar demoras nas revisións infantís, así como garantir que as citas anuladas sexan reasignadas correctamente", explican.

Afirmaron desde o Sergas ao colectivo "que o servizo está cuberto dentro das súas posibilidades, pero xustifican a situación pola falta de persoal dispoñible. Engaden que, na medida en que lles sexa posible, seguirán buscando solucións e cubrindo as ausencias mediante distintas xestións. Sinalan que teñen que facer numerosos movementos e xestionar múltiples opcións para tratar de chegar a todos os puntos necesarios".

A petición das familias, comprometéronse a que, desde os centros de saúde, se reprogramen automaticamente as citas canceladas polo sistema, sen que sexan as nais e pais quen teñan que estar pendentes de chamar para solicitar unha nova consulta.

"As familias xa eramos coñecedoras da problemática e agradecemos a atención prestada, mais a realidade é que non nos puideron asegurar prazos nin se nos garantiu unha solución máis satisfactoria", explicaron.

Porén," seguimos reclamando unha atención pediátrica profesionalizada e especializada. Aínda que a normativa permita que médicas e médicos especialistas en comunitaria con formación en puericultura atendan á poboación infantil, consideramos que esta solución é insuficiente, tratándose dun parche que non resolve o problema. Insistimos en que as nenas e nenos teñen dereito a unha atención específica, acorde coas súas necesidades médicas un servizo de calidade", engaden.

Tamén seguen agardando resposta por parte da Xunta de Galicia, máis concretamente do seu delegado Provincial, "para que nos conceda unha xuntanza e así poder trasladarlle a nosa situación".

0.12486386299133