Agromuralla concentrarase ante Leite Río este venres na súas reclamacións polo prezo do leite

A asociación de gandeiros e gandeiras Agromuralla, que reúne a 400 produtores de toda Galicia, pide ás explotacións “que non cedan á chantaxe das industrias” e non asinen os contratos que as distintas empresas que recollen leite en Galicia están a presentar, “con baixadas inasumibles no prezo en orixe que poñen en risco a viabilidade das propias granxas”.
Ademais, convoca unha nova concentración este venres, 27 de marzo, ás 12.00 horas diante de Leite Río no polígono industrial do Ceao de Lugo.
A presidenta de Agromuralla, Noelia Rodríguez, recomenda ás explotacións que non asinen os contratos coas condicións actuais de prezo establecidas neles e incide en que “aínda quedan días para negociar”.
“A gran maioría dos gandeiros non asinaron aínda e non o van facer con estas condicións e nestas circunstancias. O que pedimos ás industrias é que reconsideren a súa postura de impoñer prezos e senten a negociar coa parte produtora”, reclama.
Do mesmo xeito, Agromuralla esixe a intervención tanto da Xunta de Galicia como do Ministerio de Agricultura. “Da Administración o que pedimos é que interveña con todos os mecanismos dos que dispón ao seu alcance. Hai que reforzar as inspeccións para comprobar que non está vindo leite de fóra a un prezo inferior aos prezos de produción que hai aquí e comprobar tamén que o produto que vén nas cisternas sexa o que realmente se di que vén. Por iso pedimos que, por un lado, se intensifiquen as inspeccións, e, por outro, que se poñan en marcha os mecanismos necesarios para obter o dato dos custos de produción actualizados e que ese índice se faga público de xeito oficial para que sexa tido en conta nos contratos a asinar”, solicitan desde a asociación de gandeiros e gandeiras.
Así mesmo, Agromuralla esixe que se fagan públicos os datos dos prezos de compra-venda entre industria e distribución, igual que se fan os dos contratos cos gandeiros, para poder coñecer as marxes coas que traballan os distintos elos da cadea, de maneira que haxa transparencia desde a granxa ao consumidor final.
Contrato en vigor até o 31 de marzo
Agromuralla está a recomendar ás súas explotacións socias “que non cedan á presión das industrias, que están a trasladar a mensaxe de que se acaba o prazo e a chantaxe de que non hai alternativa á baixada de prezo”.
Porén, Noelia Rodríguez lembra que “neste momento as granxas atópanse baixo a vixencia dun contrato, polo que as industrias teñen que sentar a negociar”. “O que non poden é coaccionar impoñendo as súas normas; a lei ampáranos para que se dea unha negociación real”, reitera.
“Desde Agromuralla non imos tolerar esa estratexia de presión por parte das industrias. As chantaxes, ameazas e coaccións poden ser considerados actos constitutivos de delito e se temos que ir ao xulgado a denunciar iremos, pero non imos pasar por esas prácticas”, afirma.
A baixada do prezo do leite proposta polas industrias nos novos contratos, de até 9 céntimos en litro, sumada ao incremento dos custos de produción das explotacións supón unha diferenza de ata 15 céntimos en litro con respecto ás marxes actuais das granxas, calcula Agromuralla, o que converte os contratos en “ilegais a todos os efectos”.
“É ilegal traballar a perdas e sabemos que até o momento previo á suba dos custos de produción, o custo de producir un litro de leite rondaba os 45 céntimos, polo que contratos coma os que están ofertando as industrias, de 38-40 céntimos, están moi por baixo dos custos reais de produción actuais e son contrarios á legalidade vixente”, afirma Noelia Rodríguez.
“As industrias queren manter os seus avultados beneficios a costa dos gandeiros, pero esta estratexia está comprometendo a viabilidade económica das granxas”, denuncia Agromuralla, que explica que “os custos de produción están disparados e non sabemos até onde van seguir escalando mentres continúe esta situación de conflito bélico a nivel internacional”, indica.
Concentración diante de Leite Río este venres
Ante a actual situación, Agromuralla está a realizar concentracións diante das principais industrias que recollen leite en Galicia para reclamar a estas empresas que senten a negociar cos gandeiros.
Trala concentración realizada o martes diante da planta de Lactalis-Puleva en Nadela (Lugo), Agromuralla manterá a súa presión este venres ante o Grupo Lence cunha concentración ás 11:30 da mañá diante da planta de Leite Río no polígono industrial do Ceao en Lugo.
“Se nas nosas casas os gandeiros temos granxas que son empresas, con fortes investimentos detrás, temos que ter beneficios igual que calquera outra empresa. Non temos un negocio de subsistencia, senón que merecemos o mesmo respecto que as industrias e as cadeas de supermercados”, defenden.