Alejandro Paz Gam, de Barreiros, gaña o certame Tech Kids Argallando.gal co seu proxecto sobre a Catedral de Santiago

Alejandro Paz Gam, veciño de Barreiros, vén de proclamarse gañador absoluto do programa Tech Kids Argallando.gal, unha iniciativa que premia o talento dixital da mocidade galega. O concurso, promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e o Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia (CPEIG), contou coa participación de rapazas e rapaces de toda a comunidade a través das aulas CeMIT, entre elas a de Barreiros.
O proxecto presentado por Alejandro consistiu nunha modelaxe 3D inspirada na Catedral de Santiago de Compostela, que chamou a atención do xurado polo seu nivel técnico, coidado nos detalles e coherencia nas formas. Grazas a ese traballo, o mozo resultou vencedor da categoría “Xigante Argalleiro”, converténdose no gañador global desta edición.
O acto de entrega dos premios celebrouse o pasado 24 de outubro no centro Gaiás Tech da Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, e contou coa presenza de representantes da AMTEGA e do CPEIG, que destacaron a creatividade e o potencial tecnolóxico da xuventude galega.
Desde o Concello de Barreiros amosaron o seu orgullo polo logro de Alejandro Paz Gam e aproveitaron para recoñecer o labor da aula CeMIT local, que continúa a promover a formación tecnolóxica e a innovación entre a mocidade. “É unha mostra de que o talento e a curiosidade poden nacer en calquera recuncho, e de que proxectos coma este serven para abrir portas de futuro”, salientaron dende a entidade municipal.
O programa Tech Kids, que se desenvolve cada verán nas aulas CeMIT, busca fomentar o talento dixital, a creatividade e o pensamento crítico dos máis novos mediante proxectos que unen tecnoloxía, innovación e tradición galega. O éxito de Alejandro é tamén un reflexo do traballo colaborativo e da aprendizaxe activa que promove esta iniciativa en toda Galicia.