Alerta laranxa en Ourense e o sur de Lugo por temperaturas que poderán chegar aos 40 graos

A Axencia Estatal de Meteoroloxía eleva a laranxa o aviso por altas temperaturas para este xoves na conca do Miño, Valdeorras e o Sur de Lugo. O aviso estará activo desde as 15:00 ata as 21:00 horas por temperaturas que poderían alcanzar os 40 graos.
As principais recomendacións para facer fronte á calor inclúen beber líquidos sen agardar a ter sede, evitar bebidas alcohólicas e comidas copiosas, vestir roupa lixeira e clara, evitar a exposición ao sol nas horas centrais do día e permanecer en espazos ventilados. En caso de sufrir esgotamento ou un golpe de calor, recoméndase chamar ao 061 e seguir as pautas de primeiros auxilios ata a chegada da axuda.