Álvaro Gómez logra a prata no Máster Nacional Sub-15 "Cidade de Montilla"

O xogador vigués de 11 anos, con raíces en Sober, acadou a medalla de prata en dobres mixtos no Máster Nacional Sub-15 de Montilla, consolidándose como unha das grandes promesas do bádminton galego.
Campeonato Badminton
29 Apr 2025

O vigués Álvaro Gómez, de tan só 11 anos e con raíces en Sober, conseguiu esta pasada fin de semana unha nova medalla nacional no Máster Nacional N1-N4 Sub-15 "Cidade de Montilla". O deportista preparou esta importante competición na súa localidade lucense e acudiu á cita acompañado dos seus compañeiros de club Ruiming Guo e Sara Alfaya.

Nesta ocasión, a medalla foi na modalidade de dobres mixtos xunto á coruñesa Maia Freire, co que forma unha das parellas máis prometedoras do panorama nacional. Ambos, vixentes subcampións de España Sub-13 e vencedores no prestixioso VICTOR International Jeunes Nouvelle-Aquitaine 2024, loitaron intensamente nunha final que se decidiu no terceiro xogo por un axustado 22-20 fronte aos tamén galegos Balboa e Otero.

Ademais, Álvaro disputou tamén a modalidade de dobres masculino Sub-15, logrando clasificarse entre as seis mellores parellas da competición xunto ao xogador nevense Balboa, amosando un excelente nivel de xogo.

Cómpre destacar tamén as boas actuacións de Ruiming Guo e Sara Alfaya, que, malia caer na fase de grupos, demostraron un gran nivel competitivo.

As próximas citas para o Club Escola Rosalía serán o Campionato de España Sénior en Leganés, o Madrid Top TTR Absoluto en San Lorenzo do Escorial e o Galicia Top TTR Sub-15 e Sub-19 en Tui.

⚙ Configurar cookies
0.054667949676514