Ana Miranda insta á Comisión Europea a investigar os residuos radioactivos fronte á costa galega

A situación está de actualidade xa que a expedición oceanográfica francesa localizou máis de mil bidóns fronte a Galicia
Ana Miranda
26 Jun 2025

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, volveu reclamar á Comisión Europea que actúe ante a presenza de residuos radioactivos fronte ao litoral galego. Fíxoo mediante unha nova pregunta parlamentaria, a cuarta que presenta sobre este asunto, co obxectivo de que Bruxelas impulse unha investigación seria sobre os máis de 220.000 bidóns con material nuclear vertidos na foxa atlántica entre os anos 1940 e 1985.

“Como eurodeputada do BNG dirixinme á Comisión Europea para lembrarlle que non fixo o seu traballo respecto á investigación dos residuos radioactivos da foxa atlántica”, sinala Miranda, que reclama medidas concretas ante unha situación que cualifica de “inadmisíbel”. “Voltamos plantearlle á Comisión Europea que debe actuar, que debe haber unha investigación europea”, engade, denunciando que “non pode ser que Galiza recibira o lixo europeo e que a día de hoxe a Unión Europea non tomara ningunha medida”.

No documento remitido á Comisión, a eurodeputada galega lembra que a propia institución recoñeceu a existencia de residuos nucleares nas proximidades das costas galegas, mais admite tamén a súa falta de estudos actualizados sobre o seu impacto ambiental. Ademais, a CE pospuxo reiteradamente a vixilancia da radioactividade mariña nestas augas, malia telo incluído no programa de misións de verificación do ano 2020 ao abeiro do artigo 35 do Tratado Euratom.

A situación volve estar de actualidade tras coñecerse o inicio dunha expedición oceanográfica francesa que, nos últimos días, xa localizou máis de mil destes bidóns radioactivos fronte a Galicia, unha información que reforza as advertencias realizadas polo BNG nos últimos anos.

Miranda insiste na necesidade de actuar con urxencia: “Tendo en conta que a Unión Europea non cumpriu co seu traballo despois de que a Comisión incluíse a vixilancia da radioactividade mariña fronte á costa de Galiza no programa de misións de verificación de 2020 ao abeiro do artigo 35, que pasos ten previsto dar neste sentido? Realizará o seu propio estudo sobre o estado dos restos radioactivos depositados fronte á costa de Galicia?”, cuestiona na súa intervención.

Nunha das respostas previas, a Comisión Europea limitábase a afirmar que as verificacións se realizan periodicamente segundo o programa establecido polos seus servizos técnicos. Porén, tamén admitía que os únicos informes que posúe sobre a zona datan dos anos 1990 e 2003, polo que actualmente carece de información actualizada sobre o estado real destes residuos.

Con esta nova iniciativa, o BNG procura reactivar o debate europeo sobre un problema medioambiental que, segundo denuncia, “segue sen resposta” por parte das institucións comunitarias.

⚙ Configurar cookies
0.27512311935425