Ana Pontón destaca desde Bergondo o exemplo de Bico de Xeado como modelo de futuro

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, visitou as instalacións de Bico de Xeado en Bergondo, onde puxo en valor o traballo desta cooperativa como exemplo do “potencial e a capacidade” que hai en Galicia para “producir alimentos de calidade” e “pechar ciclos produtivos”.
Tras agradecer a acollida do presidente da cooperativa e de todo o equipo técnico, Pontón salientou a traxectoria dunha empresa que, a través dun produto de altísima calidade, logrou converter o seu xeado nun “elemento case de identidade”. Un produto que, lembrou, xa está presente tanto en vilas e cidades galegas como fóra do país.
“Producen o leite, producen o xeado e tamén se encargan da súa distribución”, subliñou Pontón, destacando así un proxecto que para ela representa a “Galiza de futuro” pola que aposta o BNG. Un modelo que considera clave para dinamizar o rural galego e que debería servir de guía para impulsar outras iniciativas semellantes.
Nese sentido, a líder nacionalista reclamou máis apoio institucional a proxectos cooperativos como o de Bico de Xeado, tanto en termos económicos como mediante estratexias que “permitan aproveitar as materias primas do País para xerar produtos que creen valor engadido”.
Pontón fixo tamén unha firme defensa da innovación como motor para mellorar a competitividade das pequenas e medianas empresas, demandando liñas específicas de apoio en I+D+i e medidas para avanzar na eficiencia enerxética.
“Debe haber unha estratexia de País que nos permita aproveitar toda a riqueza que hai no noso medio rural, neste caso no sector da produción láctea, para non só producir leite, senón apostar pola transformación deses produtos, xerando máis valor engadido”, afirmou. Para Pontón, o sector lácteo debe continuar sendo “unha columna vertebral” para manter un rural “vivo e produtivo”.
Críticas a Rueda por non defender unha axenda galega
Aproveitando a súa visita a Bergondo, Pontón tamén se referiu á próxima Conferencia de Presidentes, convocada para este venres en Barcelona, e pediu ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que aclare se acudirá “como presidente de Galiza ou como mero peón da estratexia de crispación e confrontación que lle marca o PP desde a rúa Génova”.
A portavoz nacionalista expresou a preocupación do BNG ante a falta de posicionamento claro de Rueda e criticou que o Executivo galego “non teña determinación á hora de defender unha axenda galega”.
“Nós o que lle preguntamos ao señor Rueda é se vai ir a esa Conferencia de Presidentes a defender os intereses dos galegos e das galegas ou simplemente a seguir a estratexia de crispación e de conflito que lle está marcando o señor Feijóo dende Madrid”, cuestionou Pontón.
A líder do Bloque advertiu de que están en xogo “moitos asuntos importantes para Galiza”, como a quita da débeda, o modelo de financiamento ou a mellora das infraestruturas. “É necesario que haxa realmente unha axenda de País e non que vexamos á Xunta de Galiza convertida nun apéndice máis nesa estratexia de crispación e confrontación no que está instalada a política madrileña”, subliñou.
“O señor Rueda debe de darnos explicacións porque nos preocupan moito as declaracións que levamos escoitado até o momento”, concluíu.