Arranca esta fin de semana a Copa Deputación de fútbol coa participación de 83 equipos

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo patrocina un ano máis a Copa Deputación de Fútbol, na que participarán este ano 83 equipos das categorías de Preferente Autonómica Masculina, Primeira, Segunda e Terceira Autonómica Masculina e das ligas femininas, que adiantan a súa celebración para rematar en maio.
A competición, que comeza esta fin de semana, ofrece aos equipos de fútbol afeccionado a posibilidade de participaren nunha competición de ámbito provincial, con alicientes competitivos diferentes aos das ligas, ao tempo que supón unha inxección económica para os clubs. A Federación achega unha cantidade fixa por participación que na súa totalidade ascende a case 25.000 euros, mentres que a Deputación volve a apoiar a Copa de maneira moi importante cunha cantidade total que ascende a 110.000 euros. Esta cantidade vaise repartindo en premios por eliminatoria superada.
Das ligas galegas femininas participarán 9 equipos (SD Chantada, SD Antas, PM Friol B, SG Comercial, San Lázaro, ADC Monte Forte, SCD Milagrosa, SDC San Roque e Carballedo CF). Realizarase unha fase previa o domingo, aínda que, como no resto, haberá algún partido adiantado, e continuará cos cuartos de final o 15 de marzo. As semifinais serán o 5 de abril e a final o 1o de maio.
A Preferente Autonómica e Primeira Autonómica Masculina contará con 22 equipos (CD Santaballés, Monterroso SD, Burela SD, SD Oural, Ribadeo FC, SD Residencia, Chantada Atl., Taboada CF, ED Lourenzá, SD Pol, UD Xove Lago, Club Lemos, CD Castro, CD Guntín, SD Chantada, SCD Milagrosa, At. Escairón, CD Foz, Vilalbés B, Iberia CF, CD Brollón e Outeiro de Rei SD). Neste grupo o Burela conseguiu o pase á seguinte fase tras derrotar ao Residencia.
A Fase Previa será o domingo 4 de xaneiro, oitavos o 10 de marzo, cuartos o 5 de abril deixando as semifinais e final para o 24 e 31 de maio.
52 equipos participarán en Segunda e Terceira Autonómica Masculina repartidos en 20 de Terceira e 32 de Segunda e de toda a provincia. O calendario iniciarase tamén o domingo coa fase previa. Os dezaseisavos de final serán o 15 de febreiro, os oitavos de final coinciden o 19 de marzo, os cuartos de final son o 5 de abril e rematarán o 3 de maio coas semifinais e o 24 coa final.
O acceso aos encontros será libre para as afeccionadas e afeccionados que queiran acudir.
A Copa completarase, como nas últimas edicións, coas categorías de base, as de infantil ata xuvenil xa están en marcha ou comezan esta fin de semana e os máis pequenos, de alevín a prebenxamín, aínda non teñen o calendario confirmado.