Arranca un programa de degustacións de produtos de razas autóctonas

A Vicepresidencia da Deputación impulsa así carne de vacún de Morenas do Noroeste, Porco Celta, poldro de Pura Raza Galega e galiña de Mos en feiras de gando e festas tradicionais
degustacion-produtos-rural-deputacion-feiras
20 Feb 2025

A área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo valorizará as carnes e produtos derivados de razas autóctonas co programa Un gusto de rural, un rural degusto, que promoverá degustacións en feiras de gando e outros mercados e feiras tradicionais.

A iniciativa, que contará coa participación das asociacións Puraga, Asoporcel e a Federación de Razas Autóctonas de Galicia Boaga, amosará as calidades gastronómicas de carnes de vacún de razas Morenas do Noroeste, de galiña de Mos, de poldro de Pura Raza Galega e de porco celta con diferentes receitas, desde as propostas máis tradicionais ata elaboracións innovadoras.

O deputado de Rural Daniel García e representantes das entidades agrogandeiras presentaron este mediodía a imaxe e os elementos promocionais que se empregarán nas degustacións, que se elaborarán, preferentemente, con materia prima de gandeiras e gandeiros locais.

O responsable provincial explicou que “o programa dá un novo impulso á colaboración que mantivo ao longo destes anos coas asociacións agrogandeiras nos últimos anos para fomentar o consumo de produtos de razas autóctonas e abrir novas canles de comercialización que contribúan a xerar rendas para as gandeiras e gandeiros”.

Daniel García subliñou “a importancia de coidar a imaxe e a loxística das degustacións para transmitir ás persoas consumidoras a calidade excelente dos produtos e poñer en valor o traballo dos gandeiros e gandeiras que se comprometen coa recuperación e conservación das razas autóctonas, en producións sostibles que contribúen ao mantemento do territorio e á fixación de poboación no rural”.

Neste sentido, o deputado remarcou “a necesidade de seguir insistindo en transmitir unha mensaxe positiva e actualizada en relación coas oportunidades e coa calidade do traballo que se fai no rural, como facemos con outros programas como Da Escola á Granxa no que tamén as pícaras e pícaros dos colexios teñen a oportunidade de degustar os produtos elaborados na propia granxa ao remate da actividade formativa”

As primeiras degustacións previstas no marco do programa son o domingo 2 de marzo na Feira de Gando de San Rosendo, en San Miguel de Reinante con Puraga, e na Feira do Caldo de Osos de Taboada con Asoporcel, e o martes 4 de marzo no Antroido de Val de Francos, con Boaga e Asoporcel.

0.12054204940796