Arrancan as novas liñas de bus entre A Coruña e a provincia de Lugo con 4.000 usuarios

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado da directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, e do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou na presentación dos catro autobuses de máis de 55 prazas de Arriva que realizan os 92 servizos directos semanais da nova Liña Conecta entre as cidades da Coruña e Lugo, a primeira das conexións deste tipo que a Xunta pretende impulsar nas principais cidades galegas. Esta liña púxose en marcha o 1 de xaneiro e só nese mes rexistrou case 4.000 persoas usuarias cunha media de 200 diarias nas xornadas laborables.
Diego Calvo destacou que, deste xeito, refórzanse as conexións entre ambas urbes e “conséguese que en pouco máis dunha hora as persoas usuarias teñan unha viaxe cómoda e con máis frecuencias”. Así, ofrécense de luns a venres oito servizos ao día da Liña Conecta en cada sentido que se suman aos servizos directos actuais, que inclúen paradas nos hospitais, polo que a cidadanía dispón dun autobús directo cada hora entre as dúas cidades. Nas fins de semana hai tres servizos de ida e outros tres de volta ao día e os festivos, un por cada sentido. Os sábados prolongaranse ao centro comercial Marineda City un servizo de ida e outro de volta, con saídas ás 10,00 de Lugo -que conta cunha demanda significativa- e ás 19,00 horas do complexo comercial.
Neste sentido, o conselleiro de Presidencia sinalou que a Xunta pretende con esta liña incrementar en 40.000 persoas ao ano que viaxan entre A Coruña e Lugo, e que actualmente supoñen 120.000 viaxeiros anuais.
A Liña Conecta enmárcase na nova concesión de autobús entre A Coruña, Lugo e A Mariña activa desde o 1 de xaneiro e que atende case medio cento de concellos. A Xunta renovou ata 2030 a concesión cun orzamento de 4,7 millóns de euros e un contrato por valor de 38 millóns que ofrecerá un 25% máis de servizos que o contrato anterior, ata acadar os 4.300, e abarcando 2 millóns de quilómetros anuais. Ademais, da Liña Conecta, incorpóranse outras melloras nas conexións da Mariña e Vilalba: os domingos e días de fin de ponte engádese un servizo de Viveiro á Coruña pola tarde para facilitar principalmente a mobilidade dos estudantes da Mariña que viaxan á cidade; actívase un novo servizo de Vilalba a Lugo para chegar á cidade lucense á primeira hora da mañá; e a liña que conecta Viveiro e Lugo pola Gañidoira prolóngase a Burela, mellorando as conexións deste concello coa capital da provincia con catro servizos ao día de luns a venres.
Segundo destacou Diego Calvo, todas estas melloras forman parte do traballo da Xunta por contar cun Plan de Transporte Público de Galicia vivo que se actualiza de xeito constante co obxectivo de adaptar os servizos ás demandas da cidadanía e favorecer a mobilidade tanto nas zonas urbanas como no rural galego.