Arteixo convértese no epicentro da xestión pública da auga en España

O encontro reuniu a 72 entidades públicas que xestionan o ciclo urbano da auga en España
arteixo-auga
17 Feb 2025

O alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo, recibiu aos representantes das empresas públicas de xestión do ciclo integral urbano da auga que participarán na asemblea xeral de socios da Asociación Española de Operadores Públicos de Abastecemento e Saneamento (AEOPAS). O encontro tivo lugar no Centro Municipal Arteixo Innovación, situado no polígono de Sabón.

A empresa pública de Arteixo, SUMARTE, forma parte desta asociación e estará presente na xuntanza, que reunirá compañías de toda España para debater sobre a mellora da xestión da auga e o seu abastecemento.

Carlos Calvelo subliñou a "importancia deste encontro", destacando que supón "un espazo clave para traballar da man e reforzar a inversión e a xestión pública da auga como modelo eficaz".

O ENCONTRO

O encontro, celebrado en Arteixo, reuniu a 72 entidades públicas que xestionan o ciclo urbano da auga en España, atendendo máis de 8 millóns de habitantes. Durante a xornada, subliñouse que a auga non debe ser considerada unha mercadoría, senón un ben común cuxa xestión debe estar ao servizo da sociedade e do medio ambiente.

O presidente da Asociación de Operadores Públicos de Abastecemento e Saneamento (Aeopas) e deputado delegado do Consorcio Promedio da Deputación de Badaxoz, Francisco Buenavista, destacou durante a asemblea xeral da entidade a importancia de impulsar a xestión pública da auga como ferramenta clave para facer fronte aos efectos do cambio climático.

A asemblea aprobou o Plan de Acción Anual de Aeopas, que inclúe campañas de concienciación sobre o consumo de auga da billa e servizos técnicos para mellorar a eficiencia no abastecemento e saneamento. Así mesmo, reivindicouse a necesidade de incentivos financeiros para a transición hídrica, especialmente para municipios de menos de 20.000 habitantes.

O alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo, destacou a importancia da dixitalización da xestión da auga, sinalando que a empresa pública municipal recibirá 1,2 millóns de euros en fondos europeos para modernizar a rede. Ademais, subliñouse a urxencia de renovar infraestruturas para garantir a eficiencia e fiabilidade do servizo.

 

 

 

 

 

0.092867851257324