Arteixo logra un ano máis que o seu litoral se atope entre os Sendeiros Azuis 2025

Galicia lidera a clasificación a nivel estatal con 54 sendeiros azuis repartidos pola xeografía galega
arteixo
9 Apr 2025

O Concello de Arteixo izou hoxe a bandeira que acredita un ano máis a súa costa como parte da rede de Sendeiros Azuis, un distintivo outorgado pola Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC), que recoñece o compromiso coa conservación e posta en valor do patrimonio natural e cultural en espazos xa humanizados.

Con esta distinción, Arteixo consolídase como un referente ambiental dentro de Galicia, que este ano lidera a clasificación a nivel estatal con 54 sendeiros azuis repartidos pola xeografía galega.

A concelleira de Patrimonio e Turismo, Patricia Amado, destacou a importancia deste recoñecemento nun acto simbólico de izado da bandeira. Ademais, anunciou a ampliación do paseo marítimo ata Sorrizo, sumando máis dun quilómetro de novo sendeiro azul ao traxecto xa existente.

“Temos que decidir se este novo tramo será exclusivo para peóns e bicicletas ou se permitirá tamén tráfico rodado”, explicou Amado, en referencia ao deseño final do trazado.

Por outra banda, o Concello continúa traballando xunto coa Xunta de Galicia e o Concello da Laracha no estudo para unir mediante unha senda costeira os núcleos de Caión e Arteixo, un proxecto presentado o pasado verán que segue en fase de análise técnica.

Os Sendeiros Azuis buscan non só promover o lecer sostible, senón tamén facilitar a interpretación ambiental e a educación sobre o entorno litoral, fomentando así un turismo responsable e conectado co territorio.

⚙ Configurar cookies
0.21175408363342