As distraccións causaron o 23% dos accidentes mortais na provincia de Lugo

A subdelegada do Goberno, que participou nun control, apela á prudencia e á atención ao volante para evitar accidentes nas estradas
control-de-trafico-subdelegada-olimpia-lugo
9 Oct 2025

A subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, participou hoxe nun dos controis da Campaña de Vixilancia e Control das Distraccións ao Volante, que desenvolve a Dirección Xeral de Tráfico (DGT) entre o 6 e o 12 de outubro, coincidindo coa iniciativa europea Operation Focus on the Road, impulsada pola rede RoadPol.

O acto de presentación tivo lugar na explanada de Monte Segade, na N-540, e contou coa participación do xefe provincial da DGT, Alberto Rodríguez, o xefe do Subsector de Tráfico da Garda Civil, Samuel Lago, e o concelleiro de Seguridade Cidadá de Lugo, Mauricio Repetto. Ademais, asistiron o presidente de ASPAYM Galicia, Francisco Javier Vieites, así como membros da asociación, vítimas de accidentes de tráfico, para sensibilizar aos condutores.

Durante o acto, Olimpia López alertou de que a distracción é desde 2017 a principal causa concorrente nos sinistros de tráfico e lembrou que no 30% dos accidentes mortais rexistrados en España en 2024 estivo presente a falta de atención do condutor, principalmente polo uso indebido do teléfono móbil. No caso de Galicia, foron o 23%.

A Subdelegada destacou que a mellor mensaxe é sempre a que se escribe ao chegar e insistiu en que “a seguridade viaria é unha responsabilidade compartida entre administracións e cidadanía”. Tamén subliñou que utilizar o móbil mentres se conduce é unha infracción moi grave, sancionada con 200 euros e a retirada de seis puntos do carné, e reiterou que “un só segundo de distracción pode ter consecuencias irreversibles”.

Na campaña do pasado ano, celebrada entre o 7 e o 13 de outubro de 2024, os axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil controlaron 16.491 vehículos nas estradas da provincia de Lugo e formuláronse 241 denuncias por distraccións ao volante, a maior parte delas por uso do teléfono móbil.

A nivel autonómico, en Galicia foron controlados máis de 51.000 vehículos e interpostas 1.327 denuncias, das cales máis de 500 estaban relacionadas co uso irregular do móbil, o que supón un incremento do 4,5% con respecto ao ano anterior. No conxunto do Estado, as distraccións estiveron presentes no 17% dos sinistros con vítimas e no 30% dos accidentes mortais, con máis de 400 falecementos asociados en 2023.

Vixilancia reforzada e colaboración institucional

A campaña que se está a desenvolver esta semana conta coa participación da Agrupación de Tráfico da Garda Civil, que intensificou os controis nas vías interurbanas, especialmente nas estradas convencionais e nos tramos con maior sinistralidade.

A DGT emprega 216 cámaras automatizadas instaladas en distintos puntos da rede viaria que permiten detectar o uso de dispositivos electrónicos, e reforza a vixilancia mediante axentes a pé de estrada. Ademais, en varias provincias, entre elas Lugo, voluntarios de ASPAYM (Asociación de Persoas con Lesión Medular e Grandes Discapacidades Físicas) están a acompañar aos axentes para amosar, con exemplos reais, as consecuencias irreversibles dun accidente por distracción.

A DGT lembra que as distraccións ao volante non son só visuais ou manuais, senón tamén cognitivas, e poden deberse a fatiga, sono ou preocupacións mentais. Por iso, a subdelegada do Goberno insistiu en que é fundamental centrar toda a atención na estrada e planificar as viaxes con tempo para evitar o estrés e a improvisación.

Tamén recomendou silenciar ou apagar o teléfono móbil antes de iniciar a marcha, usar exclusivamente dispositivos de mans libres homologados se é imprescindible atender unha chamada, e facer pausas regulares nas viaxes longas para combater a fatiga e a somnolencia.

Lembrou, ademais, que a 100 km/h, unha distracción de só catro segundos supón percorrer 113 metros sen control do vehículo, unha distancia suficiente para provocar unha colisión grave.

⚙ Configurar cookies
0.31244397163391