As empresas do sector forestal poderán solicitar as axudas da Xunta para mellorar as súas instalacións

Así o anunciou a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, durante unha reunión coa Asociación LugoMadera
Lorenzana-LugoMadera
25 Feb 2025

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, anunciou, durante unha reunión de traballo con membros da Asociación Provincial de Empresarios da Primeira Transformación da Madeira (LugoMadera), que, a partir do vindeiro xoves e ata o 27 de marzo, as empresas do sector forestal poderán solicitar as axudas da Xunta para mellorar as súa instalacións e adquirir maquinaria e equipamento máis avanzado.

Este programa de axudas, xestionado pola Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), dependente da Consellería de Economía e Industria, conta cun orzamento de 10 millóns de euros para o período 2025-2026. As axudas oscilarán entre os 50.000 e os 200.000 euros, distribuídose en cinco liñas: adquisición de maquinaria para tratamentos silvícolas, medición de masas forestais, comercialización da castaña e da resina, compra de equipos portátiles e clasificación automática de madeira, e, por primeira vez, a medición e trazabilidade do inventario forestal.

Estas axudas buscan promover a modernización e competitividade dun sector clave en Galicia, que conta con máis de 3.000 empresas e representa o 12% do emprego industrial. Ademais, xera unha facturación superior aos 2.400 millóns de euros e un aproveitamento anual de case 9,8 millóns de metros cúbicos de madeira.

Durante a reunión, abordáronse temas de interese para o sector, como a investigación forestal e a mellora xenética dos recursos. Lorenzana destacou a importancia de pechar as cadeas de valor en Galicia, asegurando que os recursos forestais da comunidade xeren máis industria, economía e emprego de calidade nos vindeiros anos.

0.118577003479