As galegas e galegos rozan as medallas no Grand Prix Challenge de Muju

Tania Castiñeira, Adrián Salanova e Helena García asinaron boas actuacións en Muju, quedando ás portas das medallas tras un gran nivel competitivo.
Tania Castineira
1 Sep 2025

O Grand Prix Challenge de Muju arrancou para Galicia con moi boas actuacións das e dos nosos representantes, aínda que as medallas se escaparon por moi pouco. Tania Castiñeira (+67, Hebe) e Adrián Salanova (-68, Maniotas) loitaron polo bronce, mentres que Helena García (+67, Dobok) caeu en oitavos ante a coreana Song Da Bin, que acabou proclamándose subcampioa do torneo.

Castineira, cabeza de serie número 3, entrou directamente en oitavos e venceu con solvencia a Aleksandra Kowalczuk (Polonia) por 2-0. En cuartos volveu amosar firmeza ante a australiana Reba Stewart, á que tamén superou por 2-0. Xa en semifinais, enfrontouse á coreana Song Da Bin, verdugo de Helena García, que se mostrou superior e gañou por 2-0. Na loita polo bronce, a moañesa non puido superar a Lauren Williams (Gran Bretaña) malia un gran esforzo.

Tamén en +67 competiu Helena García, que debutou cunha vitoria en tres asaltos ante a local Hui Se Hung, superando os nervios do seu primeiro Grand Prix. Nos oitavos enfrontouse a Song Da Bin, que se impuxo por 2-0 e seguiu avanzando ata a final.

Pola súa banda, Adrián Salanova completou un gran torneo con cinco combates. Tras librar a primeira rolda, venceu en oitavos ao refuxiado Had Tiranvalipour e en oitavos ao representante AIN Dimitri Shishko, reaccionando tras perder o primeiro asalto. Nos cuartos superou ao brasileiro Joao Souza Diniz nun duro combate (2-1). En semifinais, caeu ante o coreano Jung Woo-Hyeok nun axustado duelo (7-5 e 4-4). Finalmente, na loita polo bronce contra Damir Shulenov (Casaquistán), o cansazo pasou factura e perdeu en dous asaltos.

O equipo galego, aínda sen medallas, fixo un gran papel e continúa medrando, aprendendo e mellorando en citas internacionais. Mañá será a quenda de Javi Otero (-58), mentres que o domingo competirán Iván García, Sergio Troitiño (+80), Alma Pérez e Arlet Ortiz (-57).

⚙ Configurar cookies
0.3008131980896