As xogadoras do equipo cadete do Club Baloncesto Culleredo son campioas galegas

Proclamáronse vencedoras nun partido fronte ao Celta Baloncesto e acadan o billete para o Campionato de España
cadete-balonc-cull
5 May 2025

O Polideportivo do Burgo viviu un partido para lembrar co triunfo das xogadoras cadetes do Club Baloncesto Culleredo, o Traumacor Culleredo, que se proclamaron campioas galegas tras un encontro apaixonante fronte ao Celta Baloncesto por 53 a 47. Cunha actuación memorable, o equipo local impúxose nun encontro de alta intensidade que ratificou o seu liderado no baloncesto feminino de base en Galicia.

Desde o Concello de Culleredo celebraron este logro histórico subliñando a importancia do evento: “As xogadoras cadetes do Club Baloncesto Culleredo son campioas galegas e competirán no Campionato de España!”, destacaron con orgullo a través das redes sociais, onde tamén felicitaron ao club e ás familias polo seu apoio constante.

Pola súa banda, o Partido Popular de Culleredo quixo sumarse aos recoñecementos destacando o valor desta vitoria: “Tódolos títulos son merecidos, pero este especialmente”, sinalaron, referíndose a un equipo que xa é considerado “a xeración de ouro do baloncesto feminino de Culleredo”.

A vitoria non só supón a conquista do campionato autonómico, senón tamén a clasificación directa para o Campionato de España, onde as xogadoras terán a oportunidade de seguir facendo historia e representar a Culleredo a nivel nacional.

 

⚙ Configurar cookies
0.10203504562378