Ascenden a máis de 88.000 as hectáreas queimadas en Ourense segundo datos da Xunta

A situación segue sendo preocupante en Trevinca, Chandrexa de Queixa, Larouco, Oímbra, e A Mezquita, onde as lapas seguen sen estar controladas
incendio-quiroga
23 Aug 2025

A provincia de Ourense comeza a respirar un pouco de calma tras máis dunha semana de tensión provocada polos incendios forestais. A situación de onte foi máis tranquila, aínda que continúan activos cinco grandes lumes, cunha atención especial ao que ameaza a contorna de Trevinca e que xa arrasou unhas 3.000 hectáreas.

A magnitude desta vaga de lumes é tal que, en apenas dúas semanas, Ourense superou os tres maiores incendios documentados na historia recente de Galicia, superando o do Courel en 2022, que calcinara 11.500 hectáreas.

O de maior extensión continúa sendo o de Larouco, declarado o mércores 13 de agosto, que xa alcanzou arredor de 30.000 hectáreas, converténdose no terceiro máis grande da historia de España dende que existen rexistros. Este lume afecta tamén a Quiroga, O Barco de Valdeorras, O Bolo, Carballeda de Valdeorras, A Rúa, Petín, Rubiá, A Veiga e Vilamartín de Valdeorras.

A continuación sitúase o incendio que une Chandrexa de Queixa (Requeixo e Parafita) con Vilariño de Conso (Mormentelos), que, tras iniciarse entre os días 8 e 14 de agosto, formou un único gran incendio de aproximadamente 19.000 hectáreas. O lume esténdese tamén a Manzaneda, Montederramo, A Pobra de Trives, O Bolo e Laza, e continúa activo.

Tamén permanece activo o incendio que comezou en Oímbra (A Granxa) o 12 de agosto e que se uniu co de Xinzo de Limia, en Gudín, sumando unhas 17.000 hectáreas afectadas, o que o converte no terceiro maior da historia de Galicia.

En A Mezquita, o lume na parroquia da Esculqueira afecta arredor de 10.000 hectáreas, estendéndose aos concellos da Gudiña e Viana do Bolo e chegando mesmo á provincia de Zamora, mentres que o quinto foco sitúase en Carballeda de Valdeorras, na parroquia de Casaio, procedente de Castela e León, que xa queimou unhas 3.000 hectáreas na zona de Trevinca.

Ademais destes lumes activos, están estabilizados: Carballeda de Avia e Beade (4.000 hectáreas), Vilardevós – Moialde (600 hectáreas), Vilardevós – Vilar de Cervos (900 hectáreas), Vilardevós – Fumaces e A Trepa (100 hectáreas), Riós – Trasestrada (20 hectáreas), Montederramo – Paredes (120 hectáreas) e Oia – Mougás (60 hectáreas, Situación 2 desactivada). A isto súmanse dous incendios xa extinguidos: Rante, en San Cibrao das Viñas (40 hectáreas) e Seixalbo (107,79 hectáreas).
Deste xeito, a provincia vive unha das peores ondas incenciarias da súa historia, deixando ao seu paso montes e vilas completamente arrasados. Dende a Xunta chaman á calma e aseguran que a situación evoluciona favorablemente.

⚙ Configurar cookies
0.19054102897644