Asociacións organizan unha roza da Torre de Caldaloba

Unha roza do perímetro da torre de Caldaloba nova acción das entidades da Terra Chá para reivindicar a propiedade pública para este ben.
roza publica torre de caldaloba
2 Jul 2021

Unha roza polo perímetro da torre de Caldaloba, este sábado 3 de xullo, ás 11.30 horas, será unha nova acción coa que as entidades da Terra Chá e de concellos limítrofes queren seguir manifestando a situación de abandono e desleixo do castelo de Vilaxoán ou Caldaloba, e reivindicaren que dito patrimonio pase a ser propiedade pública e se leve a cabo a súa recuperación e posta en valor.

E é que para as entidades chairegas "non é tempo de sosego tras a consideración de BIC hai 36 anos, actitude esta que pedía o pasado venres o representante do Partido Popular na comisión de Educación e Cultura do Parlamento galego, senón de intervencións efectivas por parte da administración galega sobre o propio ben patrimonial que leven a trabar o deterioro continuo e garantir a súa conservación".

A torre de Caldaloba, salientan, é de interese para entender as mudanzas significativas e duradeiras que se produciron no país nas últimas décadas do século XV e que puxeron fin á existencia efectiva do Reino de Galiza.

As entidades convidan, a quen quixer a participar este sábado na roza, que se acheguen contra a hora acordada cun gabillo, fouciño, fouce, podón, rozadeira. Igualmente convidan todas as persoas que queiran acompañar nesta acción aínda que non rocen.

As entidades participantes son: Castiñeiro Milenario (Begonte), Xotramu (Muimenta), Asociación Cultural Xermolos (Guitiriz), Fundación Manuel María de Estudos Galegos, Instituto de Estudios Chairegos (Iescha-Vilalba), Asociación de Amigos do Castro de Viladonga, Clube Cultural Valle-Inclán (Lugo), Centro Social Madia Leva (Lugo), AC Cultura do País (Lugo), Asociación veciñal de Cabreiros (Xermade), AC Os Vilares. Lareira de Soños (Os Vilares, Guitiriz), Irmandade Manuel María da Terra Chá, Nova Poesía Guitirica (Guitiriz), AC Poeta Avelino Díaz (Meira), AC Lugo Patrimonio (Lugo), Asociación Amigos do Patrimonio de Castroverde, AC PolKA (Pol), AC e CS A Chave das Noces (Montecubeiro-Castroverde), AC Chimchiribote (Pol), AC M de Meira (Meira) e Carballo Vivo (Friol).


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.129234790802