AtlánticaConf 2025, o gran encontro tecnolóxico de Galicia, volve á Universidade da Coruña

A Facultade de Informática da Universidade da Coruña será a sede da terceira edición da AtlánticaConf os próximos 13 e 14 de xuño, consolidándose como o evento de referencia no sector das tecnoloxías da información en Galicia. Organizada polo Grupo de Programadores e Usuarios de Linux (GPUL) en colaboración coa Asociación Galega de Software Libre (Agasol), esta conferencia presenta un programa que amosa a forza e innovación da industria tecnolóxica galega.
Tras o éxito das edicións de 2019 e 2023 —esta última con máis de 400 participantes— a AtlánticaConf 2025 contará cunha ampla variedade de actividades: charlas de 30 minutos, presentacións rápidas de 7 minutos e talleres impartidos por comunidades tecnolóxicas. Nesta ocasión, das máis de 125 propostas recibidas aceptáronse máis de 50 relatorios, con temáticas que inclúen intelixencia artificial, sistemas distribuídos, deseño e aplicacións especializadas en sectores como a xestión de residuos, a cardioloxía e o seguimento de hábitats.
Pablo Castro, membro da organización e emprendedor galego, subliña a importancia da cita: “A AtlánticaConf é ou sitio non que podes ver a profesionais galegos falando de tecnoloxía e que che demostran que non fai falta irte fóra de Galicia para traballar e para facer grandes proxectos con impacto global”. Destaca tamén o alto nivel das charlas e a presenza de relatores de startups galegas con proxección internacional e profesionais de empresas como Ikea, Google ou Cabify, “un auténtico orgullo”.
Este encontro será un espazo ideal para a aprendizaxe, a colaboración e o networking, onde os asistentes poderán interactuar con expertos, compartir experiencias e ampliar os seus coñecementos nun ambiente dinámico e acolledor.
A AtlánticaConf 2025 reforza o compromiso de Galicia co software libre, o hardware aberto e o coñecemento compartido, mostrando que a tecnoloxía galega está á vangarda e ten moito que aportar no panorama global.