Aumentan con relación ao ano pasado as rupturas matrimoniais en Galicia

No primeiro trimestre de 2025 rexistráronse en Galicia 1.302 demandas de ruptura matrimonial (separacións, divorcios e nulidades), fronte ás 1.292 do mesmo período do ano pasado, o que supón un incremento do 0,8 %, mentres que, a nivel estatal, descenderon un 3,2 %. En Galicia, por cada 100.000 habitantes, contabilizáronse, no período estudado, 48,1 demandas, fronte ás 49,9 de media estatal, o que a sitúa como a sexta comunidade con menor número de rupturas, poñéndoas en relación coa poboación, por detrás de País Vasco (46,7), Madrid (43,9), Navarra (43,9), Castela e León (42,7) e Aragón (42,4).
Os datos feitos públicos pola Sección de Estatística do Consello Xeral do Poder Xudicial reflicten un descenso de todos os tipos de demandas de ruptura matrimonial, a excepción das de divorcio acordadas, que aumentaron un 3,5 % respecto ao mesmo período de 2024, pois pasaron de 735 a 761. Os órganos xudiciais de Galicia rexistraron entre xaneiro e marzo 511 demandas de divorcios non consensuados, catro menos que nas mesmas datas do ano anterior.
As separacións consensuadas pasaron de 28 a 16 -un 42,9 % menos-, mentres que das non consensuadas contabilizáronse 13, unha menos que no mesmo período do ano pasado. Ademais, entre xaneiro e marzo presentouse unha demanda de nulidade matrimonial.
Procedementos de modificación de medidas en procesos de separación e divorcio e de garda, custodia e alimentos de fillos non matrimoniais
No período analizado presentáronse 364 demandas de modificación de medidas consensuadas, o que supuxo un aumento interanual do 75,8 %. As demandas de modificación de medidas non acordadas tamén incrementaron, pois se interpuxeron 466, un 18 % máis.
As modificacións de medidas de garda, custodia e alimentos de fillos non matrimoniais consensuadas, 248, mostraron unha redución interanual do 1,2 %, mentres que as non consensuadas, 40, aumentaron un 14,3 %.