Avanzan os trámites para a apertura das novas oficinas de emprego de Monforte, Sarria, Ourense A Ponte e Ferrol centro

En Monforte, as oficinas serán acondicionadas para albergar tamén o Polo de Emprendemento, mentres que as de Sarria, Ourense A Ponte e Ferrol centro serán trasladadas a novos locais
Nova-oficina-emprego-Sarria-2025
Nova oficina de emprego de Sarria
30 Sep 2025

O Consello da Xunta analizou este luns os informes relativos á próxima licitación das obras de acondicionamento da oficina de emprego de Monforte de Lemos, que tamén acollerá o Polo de Emprendemento, así como a redacción dos proxectos das oficinas de Sarria, Ourense A Ponte, Ferrol centro e as melloras na de Santiago centro.

Agás nos casos de Ferrol e Santiago, os traslados suporán deixar locais alugados para instalarse en inmobles de titularidade autonómica, o que permitirá, segundo a Xunta, un aforro económico e unha mellora na atención á cidadanía.

En Monforte, a actuación conta cun orzamento base de licitación superior ao millón de euros, mentres que a redacción de proxectos para as demais oficinas suma máis de 320.000 euros. A nova sede, situada na rúa Doutor Casares, integrará a oficina de emprego e o Polo de Emprendemento, que desde a súa apertura en 2022 acompañou preto de 300 proxectos empresariais na provincia de Lugo.

No caso de Sarria, Ourense, Ferrol e Santiago, os proxectos atópanse en fase de redacción. Así, en Sarria, a oficina trasladarase á rúa Formigueiros, mentres que en Ourense A Ponte, o traslado farase a un local da rúa Río Corzos. Pola súa banda, en Ferrol, trasladarase ao Edificio Pita Romero, que tamén acollerá o SMAC, e en Santiago, a oficina manterá a súa ubicación, pero incorporará melloras na distribución, climatización, electricidade e telecomunicacións.

Estas actuacións, sinalan desde a Xunta, forman parte do proceso de modernización do Servizo Público de Emprego de Galicia, cun investimento de máis de 8 millóns de euros, que inclúe tamén a dixitalización de servizos e o uso da ferramenta de intelixencia artificial EMi, que xa perfilou as competencias de máis de 76.000 persoas demandantes de emprego. Con estas melloras buscarase favorecer a empregabilidade tanto por conta allea como por conta propia, neste último caso, co apoio da rede de polos de emprendemento.

⚙ Configurar cookies
0.21643304824829