BDS Galiza inicia protestas en Viveiro para reclamar o compromiso ético do Resurrection Fest

O movemento BDS Galiza deu comezo este mércores, diante da entrada do Resurrection Fest en Viveiro, a unha campaña pública de denuncia contra a promotora Bring the Noise, organizadora do festival, pola súa falta de resposta ás demandas éticas do movemento de Boicot, Desinversiones e Sanciones a Israel. A rolda de prensa tivo lugar no mesmo acceso ao recinto e serviu para anunciar concentracións pacíficas diarias ás oito da tarde durante os días do evento musical.
Segundo explicaron desde BDS Galiza, a promotora, propiedade do conglomerado Superstruct —controlado á súa vez polo fondo de investimento estadounidense KKR—, foi contactada en repetidas ocasións nas últimas semanas para manter un diálogo aberto e adoptar medidas concretas que garantan que os festivais galegos non colaboren coa ocupación e o apartheid israelís. A empresa, denuncian, non respondeu.
Nun contexto internacional onde o Tribunal Internacional de Xustiza advertiu do risco de xenocidio en Gaza, o colectivo demanda que Bring the Noise e os festivais que organiza —entre eles, o Son do Camiño, o Morriña Fest, o Caudal Fest e o Resurrection— cumpran cos “catro mínimos éticos” impulsados polo movemento BDS e a PACBI, a campaña palestina para o boicot cultural a Israel.
Desde BDS insisten en que non chaman, por agora, ao boicot oficial do Resurrection Fest, e que non teñen intención de atacar ao festival nin ao seu público, senón que o seu obxectivo é poñer o foco na responsabilidade empresarial de KKR. “Non estamos aquí contra a música, nin contra quen vén gozar dela, senón contra a complicidade de quen financia o apartheid”, afirmaron.
Entre as accións previstas nos próximos días están a distribución de materiais informativos e novas mobilizacións nas rúas de Viveiro. A campaña en Galicia forma parte dunha ofensiva internacional que, segundo BDS, xa forzou a múltiples festivais europeos como o Sónar, Viña Rock ou o Mighty Hopla de Londres a desvincularse de KKR.
BDS lembra que o fondo de investimento estadounidense é accionista de Superstruct, propietaria de máis de 80 festivais no mundo. A estratexia do movemento palestino céntrase en premer desde a base para illar internacionalmente a Israel tamén no eido cultural. “A música non pode soar por riba dos berros de quen sofre un xenocidio en Palestina”, subliñaron.
Pese ao silencio da promotora, algunhas bandas xa amosaron o seu apoio ás reivindicacións palestinas. Oito grupos participantes no Resurrection —como Angelus Apátrida, Ezpalak ou Moura— anunciaron publicamente o seu rexeitamento á implicación de KKR, e varios cancelaron directamente as súas actuacións.
BDS Galiza celebra estes xestos e destaca que máis de 40 artistas e formacións galegas, como Dakidarría, Bala, High Paw ou Kaixo, xa se sumaron ao chamamento para que os festivais en Galicia cumpran cos catro compromisos éticos: desvincularse de KKR, aplicar políticas de programación responsable, seguir as directrices do boicot económico e cultural palestino, e colaborar con artistas e organizacións solidarias coa causa palestina.
Desde o colectivo apuntan tamén que a presión xa obrigou a KKR a anunciar que non cobrará dividendos dos festivais. Con todo, advirten que os beneficios reais para o fondo están na futura venda de Superstruct e que, polo tanto, as protestas seguirán activas mentres se manteñan os vínculos coa ocupación israelí.