Becerrea acolle unha xornada sobre os programas das Asociacións de Defensa Sanitaria Gandeira
A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), organiza varias xornadas técnicas sobre os programas sanitarios das Asociacións de Defensa Sanitaria Gandeira (ADSG) e o Programa nacional de loita contra a rinotraqueíte infecciosa bovina (IBR).
Así, as xornadas celebraranse o día 13 de outubro no concello de Becerrea e plantéxase con tres relatorios e unha mesa redonda. A información que se trasladará está relacionada con ámbitos tan variados como a bioseguridade nas granxas, as axudas ao desenvolvemento destes programas sanitarios, os beneficios de desenvolvelos, a súa implantación, o diagnóstico laboratorial ou os relacionados coa investigación que a Consellería do Medio Rural desenvolve con respecto a eles.
Na mesa redonda, o obxectivo é, sobre todo, o intercambio de ideas e opinións e dialogar sobre as perspectivas de futuro.
Cabe sinalar que as xornadas de Becerreá e da Fonsagrada estarán orientadas á realización destes programas sanitarios nas granxas de aptitude cárnica.
Estas accións formativas celébranse ao abeiro do Plan de Transferencia para apoio ás actividades de demostración e de información ao agro galego que se convocaron para o ano 2021. Lévanse a cabo grazas á colaboración entre a Agacal e o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), a Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias e as ADSG da Montaña Lucense, de Becerreá, de Fonsega, de gando vacún de Frades e de gando vacún de Mesía. Tamén colaboran os concellos de Becerreá e A Fonsagrada mediante a cesión dos espazos onde se celebrará cada unha das xornadas.
Estas xornadas están dirixidas, principalmente, a persoas que estean relacionadas con granxas de vacún, integradas ou non nunha ADSG, persoas con expectativas de incorporarse ao sector primario, entidades que xestionen axudas relacionadas coa realización dos programas sanitarios ou público en xeral interesado en temas relacionados coa sanidade animal e o control sanitario na cadea alimentaria. O límite de prazas é de 50 e as solicitudes de inscrición poden descargarse na páxina web do CIAM (www.ciam.gal/pdf/xornadas) ou da Consellería do Medio Rural (https://mediorural.xunta.gal/gl/temas/formacion/transferencia-tecnoloxica/plan-de-transferencia-tecnoloxica-2021). As inscricións poden remitirse ao correo electrónico ciam.adsg@ciam.gal.
IMPORTANTE CABANA GANDEIRA EN GALICIA
Galicia é unha comunidade autónoma cunha importante cabana gandeira, sobre todo de gando vacún das aptitudes cárnica e leiteira. O seu territorio alberga o 14% do censo de gando vacún de carne de España, situándose en segundo lugar por detrás de Castela e León. Ademais, das indicacións xeográficas protexidas (IXP) de carne de vacún, Ternera Gallega está entre as de maior produción. No tocante á produción leiteira, o 56% das explotacións de leite de España son galegas e producen o 40% do leite.
Por iso, non debemos esquecer que dous piares fundamentais dentro da produción animal son a sanidade e o benestar. Para garantilos, existen unha serie de programas sanitarios, tanto nacionais como autonómicos. De feito, os programas autonómicos en Galicia realízano as asociacións de defensa sanitaria gandeiras (ADSG) dende o ano 2004 e están dirixidos a mellorar o estado sanitario das granxas que as integran. Tamén constitúen unha peza fundamental na rede de epidemiovixilancia da Comunidade Autónoma de Galicia.
Este traballo xera unha cantidade inxente de datos que son avaliados periodicamente e presentados anualmente en reunións entre o persoal da Consellería e os veterinarios responsables das ADSG. Precisamente, estas xornadas formativas permitirán trasladar toda esta información aos gandeiros e axentes relacionados coa produción de gando vacún.