Besteiro acusa a Rueda de cruzar unha “liña vermella de machismo institucional” pola ocultación dunha denuncia contra o conselleiro do Mar

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, acusou este domingo ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, de “calar cando hai que dar explicacións, obedecer antes que defender Galicia e poñer por diante os intereses do PP”. Afirmou que “Galicia necesita un presidente que dea a cara, que estea do lado da cidadanía e que afronte os problemas sen ocultacións”.
Besteiro sinalou como mostra desta actitude a ocultación durante meses dunha denuncia por agresión sexual contra o conselleiro do Mar. “Se os feitos se produciron en xaneiro, e Rueda asegura que o soubo en febreiro, por que non se fixo nada ata xuño?”, cuestionou, lembrando que os estatutos do PP obrigan a comunicar este tipo de situacións ao presidente do partido. “Se Rueda lle contou a Feijóo o que pasou, ambos o ocultaron. Iso implica responsabilidades políticas inmediatas”, advertiu.
O líder socialista condenou tamén que a vítima da denuncia fose identificada pouco despois da rolda de prensa do voceiro do BNG, Luís Bará. “Non foi casualidade. O que vimos foi unha liña vermella de machismo institucional: ocultación, silencio e exposición pública da vítima para protexer ao cargo político”.
Ademais, Besteiro criticou que Rueda asistise á Conferencia de Presidentes sen conseguir ningún avance para Galicia. “Marchou con as mans baleiras e rexeitou fondos para vivenda pública. Mentres outras comunidades recibiron 1.538 millóns, Galicia quedou fóra por decisión política. Perdemos unha oportunidade histórica porque Rueda preferiu facer de comercial do PP que de presidente da cidadanía galega”, afirmou.
Tamén ironizou sobre a manifestación convocada por Feijóo en Madrid, asegurando que “non foi quen de convencer nin aos seus”. Criticou a apelación ao “rearme moral” feita polo líder do PP: “Falamos de quen foi amigo íntimo de Marcial Dorado, mantén a Mazón tras a crise en Valencia e nunca tivo unha palabra para as vítimas da pandemia falecidas sen atención en Madrid por orde da presidenta autonómica”.
Besteiro concluíu asegurando que “Rueda cala cando debería falar, obedece cando debería defender Galicia e oculta cando debería actuar. Non é un presidente, é xa un problema para este país”.