Besteiro alerta de que o negacionismo do PP agrava a crise dos lumes e o deterioro dos servizos públicos

O secretario xeral do PSdeG reclama un cambio inmediato nas políticas forestais e sociais da Xunta, denuncia incumprimentos en prevención e pide reforzar educación e sanidade.
Besteiro
9 Sep 2025

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, advertiu este luns de que o Partido Popular “mantén un negacionismo absoluto” fronte ao cambio climático e na xestión dos servizos públicos esenciais. No inicio do curso político, e dende o Campus da USC, reclamou un cambio inmediato de rumbo nas políticas forestais da Xunta, tras unha vaga de lumes que deixou en evidencia “a falta de planificación, os déficits de persoal e a ausencia de medios”.

“O que Galicia precisa son solucións, non escusas. Despois de 17 anos de gobernos do PP seguimos co mesmo problema, pero cada vez con maior gravidade”, subliñou, incidindo en que “é hora de protexer os montes e os servizos públicos con feitos e orzamento, non con propaganda”.

Besteiro lembrou que a Xunta incumpriu a maior parte das 123 medidas aprobadas no ditame parlamentario de 2018 contra o cambio climático e que chegou á campaña de verán con prazas vacantes no servizo de extinción e cos prazos do plan de incendios sen cumprir. “Galicia non pode permitirse outra campaña como a deste verán”, afirmou.

Tamén puxo o foco no deterioro dos servizos públicos, denunciando recortes en educación —coa falta de persoal de apoio ao inicio do curso escolar— e en sanidade, onde continúan mobilizacións cidadás como as de Moaña, con máis de 200 semanas reclamando un servizo de urxencias digno.

No plano internacional, Besteiro reclamou un alto ao fogo inmediato en Palestina e cualificou a ofensiva israelí como un “xenocidio contra o pobo palestino”, pedindo que os responsables sexan levados ante a xustiza internacional.

Na mesma comparecencia, o secretario de Organización das Xuventudes Socialistas de Galicia, Enrique García, presentou a campaña xuvenil contra o negacionismo climático do Goberno de Rueda. Lembrou que en Ourense ardeu este verán arredor do 13% da superficie provincial e pediu a dimisión das conselleiras de Medio Rural e Medio Ambiente, así como do presidente da Xunta.

⚙ Configurar cookies
0.3076229095459