Besteiro culpa ao PP da “emerxencia sanitaria” en Galicia tras desviar máis de 2.000 M€ á privada

O líder do PSdeG acompañou á veciñanza de Moaña, que leva 200 semanas mobilizándose para recuperar o servizo de urxencias, e reclamou máis infraestruturas e melloras na atención primaria.
Besteiro
8 Sep 2025

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, acusou hoxe ao PP de provocar a “emerxencia sanitaria na que está asolagada Galicia” polas políticas aplicadas desde a Xunta nos últimos 16 anos. Segundo subliñou, no último decenio os gobernos de Feijóo e Rueda derivaron máis de 2.000 millóns de euros públicos cara á sanidade privada.

Besteiro realizou estas declaracións en Moaña, onde acompañou a máis dun milleiro de veciños e veciñas na manifestación para reclamar a recuperación do servizo de urxencias no centro de saúde de Domaio. Lembrou que a mobilización cumpre xa 200 semanas consecutivas, exemplo dunha problemática que, segundo dixo, se repite en numerosos puntos do país.

Citou casos como o de Catoira, onde as urxencias permanecen pechadas e a cidadanía debe desprazarse ao Hospital do Salnés; Cangas, coas urxencias sobrepasadas; Hío, onde falta centro de saúde; A Cañiza, que acumula 21 semanas reclamando pediatría; ou Ourense, con 20 ambulatorios sen médicos en plena vaga de lumes.

“É unha evidencia que Galicia precisa máis infraestruturas, máis planificación e melloras na atención primaria para evitar tamén a saturación hospitalaria”, apuntou. Besteiro vinculou o déficit de recursos co desvío de pacientes á privada e co incremento das pólizas médicas, ao tempo que defendeu que a sanidade pública “non é un privilexio, senón un dereito”.

O portavoz socialista no Parlamento galego avogou por un plan de choque do PSdeG que recupere a atención primaria, refuerce pediatría e urxencias e incremente o número de médicos de familia, co obxectivo de blindar a sanidade pública e garantir igualdade de acceso en todo o territorio, tamén no rural.

⚙ Configurar cookies
0.32075691223145