Besteiro denuncia que os Orzamentos da Xunta para o próximo ano “deixan tirada” á provincia de Ourense

O líder socialistas advirte de que as contas “cronifican o colapso sanitario e da Dependencia na provincia, así como os altos prezos da vivenda e o abandono fronte aos lumes”
besteiro-visita-ourense
25 Oct 2025

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, denuncia que os Orzamentos da Xunta para o próximo ano “deixan tirada” á provincia de Ourense, que só recibe o 11,4 por cento do investimento en obras clave e ademais, advirte, veñen “repetidas” de anos anteriores porque “nunca as executaron”.

Besteiro fixo estas declaración durante unha visita a Ourense onde estivo acompañado da parlamentaria autonómica Carmen R. Dacosta, a vicesecretaria provincial Marina Vaz e a secretaria da agrupación Local Natalia González, onde anunciou unha batería de emendas aos Orzamentos da Xunta para esixir políticas de discriminación positiva para a provincia.

Segundo o líder socialista, estas contas “cronifican o colapso sanitario e da Dependencia na provincia, así como os altos prezos da vivenda e o abandono fronte aos lumes”. Para Besteiro, as contas representan a “feira do engano” para a provincia, que segue a recibir o menor investimento territorializado, o menor crecemento en emprego e innovación e o maior retroceso en servizos públicos, e puxo como exemplo o Plan Director do CHUO, sen prazos nin avances, a paralización da circunvalación Este e da mellora da OU-540 ou o centro de saúde de Muíños.

O requilibro territorial “no é unha opción, é unha necesidade urxente e unha débeda histórica coa provincia”, lembrou o líder socialista, que insistiu na importancia de investir na provincia logo de ser o epicentro da peor vaga de incendios rexistrada en Galicia dende que hai rexistros. Ourense, dixo, “necesita con urxencia medida de restauración ambiental, reforestación, mellora de infraestruturas e apoio social e económico urxente para as zonas afectadas polo lume.

O Secretario Xeral do PSdeG denuncia que as contas deste ano “non teñen alma social nin visión de país”, e perpetúan a “marxinación e desigualdade estrutural” das provincias do interior, ademais de que carecen dunha proposta económica seria e se limitan a un “exercicio de propaganda de manual”, que deixan ao interior de Galicia “sen horizonte”.

Nas contas, sinala, a Xunta esquece á vivenda, a sanidade, a Dependencia ou o reto demográfico, fundamentais para os galegos e as galegas, e desminte que se trate dunhas contas expansivas, xa que explica, medran por debaixo do custe da vida, e destinan máis recursos ao pago da débeda (1.858 millóns de euros) que á Atención Primaria, a Dependencia ou a vivenda.

“Ao mesmo tempo o goberno galego permítese o luxo de rexeitar a condonación da débeda”, que permitiría liberar o próximo ano 620 millóns de euros para mellorar os servizos públicos.

Besteiro critica con dureza que as contas non inclúen partidas para vivenda cando Ourense conta con preto de 1.500 familias demandantes de vivenda pública, e afea ao presidente da Xunta que
Ademais, explicou que as contas seguen a incluír partidas para vivenda que seguen sen executar cando Ourense conta con preto de 1.500 familias demandantes de vivenda pública, e afeoulle ao presidente da Xunta que a día de hoxe só teñan executado o 5 por cento dos fondos para vivenda previstos para este ano, e para 2025 ofrecen “pisos – zulo” de 26 metros cadrados como gran proxecto de vivenda, que cualificou de “un insulto”.

Pola súa banda, a parlamentaria autonómica e vicesecretaria provincial, Carmen R. Dacosta, criticou tamén ao Goberno galego que, dixo, “non moveu ficha” tres meses despois de que os incendios forestais arrasaran máis de 120.000 hectáreas e decenas de concellos na provincial. Advertiu que a día de hoxe non hai rastro dun plan integral de recuperación das zonas afectadas, e esixiu a reformulación das axudas para o sector agrario, gandeiro e forestal, con máis contías e menos burocracia.

Respecto as contas, denuncia que están cheas de “promesas recicladas e investimento cero” en infraestruturas, con proxectos repetidos ano a ano sen avance, mentres na capital da provincia “duplican as partidas e bloquean o progreso”, cun “copia e pega” das contas do ano pasado. Por iso, acusa ao executivo de Rueda de abandonar ás comarcas do interior amosando un “modelo esgotado” dun goberno “instalado na propaganda e a autocompracencia, que anuncia e repite, pero nunca cumpre”.

⚙ Configurar cookies
0.29279112815857