Besteiro reclama á Xunta que acepte os 380 millóns do Estado para construír 4.000 vivendas públicas en Galicia

O secretario xeral do PSdeG fixo estas declaracións en Lugo, na rúa Fabio Máximo, onde se construíron as últimas vivendas públicas promovidas pola Xunta, hai máis de 16 anos
Besteiro-Miguel-Lara-Méndez-Lugo-PSOE
12 Jun 2025

Galicia podería construír preto de 4.000 vivendas públicas co financiamento ofrecido polo Goberno de España, un total de 380 millóns de euros que triplicaría o investimento do último plan autonómico e que, segundo advertiu José Ramón Gómez Besteiro, "constitúe unha oportunidade única que non se pode desaproveitar".

O secretario xeral do PSdeG fixo estas declaracións en Lugo, na rúa Fabio Máximo, acompañado polo alcalde Miguel Fernández, a concelleira Ana Abelleira e a secretaria de Organización do partido, Lara Méndez. Alí lembrou que nesta mesma rúa se construíron as últimas vivendas públicas promovidas pola Xunta, hai máis de 16 anos, coincidindo co último goberno socialista en Galicia.

Desde entón, afirmou, non se levantou ningunha vivenda pública máis na cidade, nun contexto no que máis de 22.000 persoas están inscritas no Rexistro de Demandantes de Vivenda Pública en Galicia, das cales 1.600 corresponden a Lugo e 1.000 ao resto da provincia.

Besteiro criticou a negativa de Alfonso Rueda a adherirse ao plan estatal impulsado polo Executivo de Pedro Sánchez, asegurando que "non responde á necesidade real de vivenda, senón a unha estratexia de confrontación política ditada desde Madrid por Feijóo".

Sinalou que outras comunidades como Navarra, Asturias ou Cataluña xa se sumaron ao plan e recibirán máis de 1.500 millóns. Por iso comprometeuse a seguir reclamando que o Goberno manteña a oferta e que Galicia non perda estes fondos: “É unha cuestión de responsabilidade. Son recursos que Galicia necesita, que Lugo necesita e que poden dar resposta a milleiros de persoas que están agardando unha vivenda pública”.

⚙ Configurar cookies
0.26434087753296