Besteiro reclama á Xunta que paralice a planta de Altri en Palas de Rei

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, reclamou ao presidente da Xunta que poña fin á “farsa” de Altri e denegue de inmediato a autorización administrativa e industrial necesaria para a instalación da planta de fibras téxtiles en Palas de Rei, ao tratarse dunha iniciativa inviable desde o punto de vista técnico, ambiental e económico.
“Altri é fume e propaganda, un proxecto que naceu morto”, insistiu. O líder socialista lembrou ademais que “xa non hai ningunha dúbida de que é malo medioambientalmente, malo economicamente e malo tamén socialmente”.
Durante a rolda de prensa, Besteiro denunciou tamén o novo atentado contra a sede do PSdeG en Lugo, o segundo en quince días, que nesta ocasión incluíu mensaxes explícitas, ultras e “absolutamente intolerables”. “Pretenden intimidar e facer calar aos socialistas, pero non o van conseguir”, advertiu, engadindo que “a ultradereita avanza sempre cando encontra unha dereita compracente, unha dereita covarde”.
Besteiro contrapuxo a planta de Palas de Rei ás oportunidades reais que se abren en Galicia coa nova planificación eléctrica 2025-2030, que permite impulsar iniciativas en sectores estratéxicos como a automoción, o hidróxeno renovable, o naval verde ou a economía circular. Lamentou que “despois de 17 anos no Goberno de Galicia, o PP non foi capaz de formular ningún proxecto industrial novo para a provincia de Lugo” e criticou o “abandono” ao que ten sometido o interior galego, lembrando a falta de investimentos nos anos 2022 e 2023. “En fondos territorializados, cero euros”, remarcou.
O secretario xeral defendeu que en Lugo “hai viabilidade absoluta para proxectos industriais, pero a Xunta non os ten”. “O que se desenchufa é Altri, non a provincia”, subliñou. Recordou que a decisión final sobre Altri “é competencia exclusiva da Xunta” e que xa non hai posibles pretextos para seguir alongando a situación. “A Xunta dixo que se non existía esa conexión eléctrica, o proxecto caía definitivamente. Agora que sabemos que vai ser inviable, o único que debe facer o Goberno galego é ser serio e denegalo”, sentenciou.
Finalmente, Besteiro advertiu que “o PP está enganando á cidadanía cun proxecto que nunca verá a luz. Mentres siga alimentando esta ficción, Galicia seguirá perdendo oportunidades industriais reais e con futuro”.