BNG segue coa man tendida a favor do galego para derrogar o decreto da vergoña e consensuar un novo para o curso 25-26

Ana Pontón afirma que manter o decreto do PP sería “constatar que só buscan o monolingüismo en castelán” e reclama un cambio de rumbo para garantir o futuro do galego nas aulas.
BnG Protesta
5 May 2025

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, volveu tender a man ao Partido Popular para consensuar a derrogación do coñecido como “decreto da vergoña” e impulsar un novo marco legal que permita garantir a presenza do galego no ensino a partir do curso 2025-2026.

Desde Moaña, no acto “Na voz das mulleres” organizado por Galiza Nova, Pontón advertiu que manter o decreto actual sería “a constatación definitiva de que o PP só busca impoñer o monolingüismo en castelán”. Subliñou que o decreto provocou que “os nenos e nenas entren pola porta da escola falando galego e saian falando castelán”.

A líder nacionalista criticou os 16 anos de políticas lingüísticas do Partido Popular, que cualificou como “bullying sistemático ao galego”, e responsabilizou directamente ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, de “poñerse detrás da pancarta” contra o idioma propio de Galicia.

Pontón emprazou ao PP a aproveitar o 17 de maio, Día das Letras Galegas, para rectificar e sumarse á proposta dun novo decreto que permita aplicar o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega con prazos, orzamentos e prioridades pactadas. “Temos un acordo amplamente consensuado. Só falta que o PP o queira cumprir”, dixo.

A portavoz do Bloque tamén salientou a situación de emerxencia lingüística: “O 54% da mocidade educada co decreto da vergoña nunca fala galego e só o 7% dos nenos entre 5 e 14 anos usan sempre o idioma”.

No acto de Moaña, que contou coa presenza da secretaria xeral de Galiza Nova, Marta Gómez, e do profesor Xosé Manuel Sánchez Rei, Pontón reivindicou o papel das mulleres como transmisoras da cultura popular galega. Lembrou figuras como as cantareiras Adolfina e Rosa Casás ou as pandereteiras de Mens, homenaxeadas neste ano polas Letras Galegas.

Con orgullo, reivindicou “esa tradición viva que pervive hoxe en proxectos como Tanxugueiras ou Fillas de Cassandra” e insistiu en que a defensa do galego “non é nostalxia, senón futuro”.

⚙ Configurar cookies
0.12341284751892