Brais Álvarez, do SLG: “A autoorganización é a base para defender o noso futuro”

Brais Álvarez asume a nova Secretaría de Acción Sindical do SLG para reforzar a organización fronte á crise do agro
SLG-Brais-Alvarez_apicultor-secretaria-accion-sindical-2025-2
4 Jan 2026

Por Ana Somoza.

A elección de Brais Álvarez como responsable da nova Secretaría de Acción Sindical do Sindicato Labrego Galego (SLG) marca un punto de inflexión na estrutura interna da organización. Veciño da Pontenova e labrego en activo, Álvarez sitúase á fronte dun cargo de nova creación que nace, segundo explica, da necesidade de “reforzar a incidencia do sindicato no que propiamente entendemos como acción sindical”, é dicir, no traballo diario, no seguimento constante dos conflitos e na capacidade de resposta ante os problemas que afectan aos distintos sectores do agro galego.

O contexto no que se crea esta secretaría non é alleo á realidade que viven as explotacións. Álvarez subliña que o sector atravesa “un momento especialmente complexo”, cunha acumulación de frontes abertas que van desde a aparición de novas enfermidades, como a peste porcina africana ou a enfermidade nodular, ata debates estruturais como a negociación dunha nova Política Agraria Común ou o impacto de acordos comerciais internacionais como o do Mercosur. Diante desta situación, o sindicato considerou necesario contar cunha área específica encargada de analizar, coordinar e facer seguimento do traballo que xa se viña desenvolvendo neste eido, ao tempo que se alixeira parte da carga que asumía a Secretaría Xeral.

REFORZO INTERNO

A creación desta nova área responde tamén a unha demanda expresada pola propia afiliación durante o congreso e nas asembleas comarcais. Segundo relata Álvarez, unha das preocupacións recorrentes foi a necesidade de “reforzar a organización” para facer fronte ás ameazas que pesan sobre as explotacións agrarias. Nese sentido, a Secretaría de Acción Sindical nace co obxectivo de fortalecer o traballo a nivel comarcal, entendendo que é neses espazos onde se detectan antes os problemas e onde se poden artellar respostas máis pegadas á realidade.

Entre as funcións prioritarias desta nova secretaría está a promoción de accións formativas dirixidas ás persoas labregas, co fin de que “estean informadas, formadas e poidan debater” sobre as cuestións que lles afectan directamente no día a día. Álvarez insiste en que o coñecemento é unha ferramenta clave para a defensa do sector e que, sen información clara e accesible, resulta moito máis difícil facer fronte ás decisións que se toman fóra do territorio.

Outro dos eixos centrais do seu labor será mellorar a transmisión das decisións que chegan desde instancias afastadas, como Bruxelas. O novo responsable de Acción Sindical considera fundamental explicar non só que se decide, senón tamén “como nos afecta iso realmente ás granxas”. Ao mesmo tempo, aposta por reforzar o tecido organizativo nas comarcas, fomentando grupos activos e vivos que se apoien mutuamente e que faciliten a incorporación de nova xente ao sindicato, aproveitando a experiencia das persoas máis veteranas.

CIFRAS PREOCUPANTES

Este reforzo organizativo adquire unha importancia especial nun contexto marcado pola perda constante de explotacións. Álvarez lembra que no pasado mes de outubro se produciu un feito histórico en Galicia: por primeira vez baixouse das 5.000 granxas que entregan leite. No sector cárnico, explica, quedan arredor de 16.000 explotacións, unhas 1.500 menos que hai apenas catro anos. Son datos que, ao seu xuízo, amosan con claridade que a desaparición de granxas non é unha hipótese futura, senón unha realidade presente.

O obxectivo último da nova secretaría é, precisamente, “defender o maior número posible de granxas no territorio” e contribuír a garantir o futuro do sector agrario no país. Para iso, Álvarez considera imprescindible fortalecer a organización desde a base e construír unha rede sólida que permita responder de maneira coordinada aos problemas comúns.

A nivel persoal, o labrego da Pontenova afronta esta responsabilidade cun marcado sentido do compromiso. Recoñece que asumir un cargo destas características implica “unha dedicación constante” e unha carga de traballo importante, pero asegura sentirse especialmente motivado porque moitos dos problemas que se analizan a nivel sindical “véxoos cada día na miña propia granxa”. Esa experiencia directa fai que entenda este reto como algo “profundamente colectivo”, no que se mesturan a vivencia persoal e a defensa dun modelo común.

POUCA ESCOITA

No seu diagnóstico da situación, Álvarez é claro ao valorar a relación coas administracións. Considera que, en xeral, “escoitan pouco ás persoas labregas” e subliña que isto acontece a todos os niveis: europeo, estatal e autonómico. Ao seu xuízo, o sector agrario non adoita ser considerado un interlocutor válido á hora de deseñar políticas que o afectan directamente, malia seren as persoas labregas quen sofren no día a día as consecuencias desas decisións.

Esa falta de escoita é, precisamente, unha das razóns polas que a nova Secretaría de Acción Sindical pon o foco na interlocución externa. Álvarez defende a necesidade de facer máis presión, de estar presentes nos espazos de decisión e de conseguir que o sector sexa “escoitado, respectado e tido en conta” como un axente imprescindible na definición do seu propio futuro.

ACCIÓN CARA FÓRA

O carácter externo desta secretaría materialízase na vontade de trasladar á sociedade as problemáticas reais do agro. Álvarez recoñece que non sempre é doado facerse oír nun contexto de sobreinformación, no que moitas mensaxes se perden, tamén no plano comunicativo. Por iso, aposta por reforzar a organización comarcal e por estar presentes nos distintos territorios, chegando tamén a persoas labregas que non forman parte do SLG, pero que poden identificarse co seu discurso.

Outro dos piares desta estratexia será a planificación de campañas en función da axenda política. Ante anuncios relevantes, como os relacionados co acordo do Mercosur, o sindicato quere anticiparse, preparar respostas claras e explicar non só o contido dos anuncios, senón tamén “as consecuencias reais que teñen para o campo galego”. Trátase, segundo explica, de sacar cara ao exterior debates que moitas veces quedan restrinxidos ao ámbito interno.

AUTOORGANIZACIÓN

A organización comarcal e a autoorganización aparecen como conceptos clave no discurso de Álvarez. Defende a necesidade de contar con espazos propios nos que sexan as propias persoas labregas as que analicen a realidade que viven, debatan prioridades e decidan que reivindicacións trasladar ás administracións. Para el, ese proceso colectivo é “a base dunha organización forte” e vai ligado á independencia política do sindicato, entendida como a capacidade de decidir con criterios propios.

Especialmente crítico é o seu diagnóstico sobre as políticas públicas de relevo xeracional. As cifras, asegura, amosan que o número de incorporacións non compensa as saídas do sector, unha realidade que se arrastra desde hai décadas e que agora se manifesta con especial crudeza. Álvarez sinala que o modelo actual está cheo de trabas burocráticas e favorece a concentración, dificultando a incorporación de xente nova, de persoas que queren volver ao rural ou mesmo de persoas inmigrantes que levan anos traballando no sector.

MIRADA AO FUTURO

A medio prazo, Álvarez di que lle gustaría ver un rural galego no que o número de granxas deixe de diminuír e no que se consiga frear a perda continua de poboación. Recoñece que en moitas comarcas custa ver o futuro, pero insiste na necesidade de traballar para construír un medio rural con perspectivas. Nese camiño, considera que o Sindicato Labrego Galego ten un papel fundamental como espazo de apoio, acompañamento e defensa colectiva, e como ferramenta para seguir defendendo un modelo de produción vinculado ao territorio e ao futuro do país.

⚙ Configurar cookies
0.30014991760254