Brais Revaldería presenta en Sevilla 'Fillos do Vento: A Rapa' cunha "sala chea e unha escoita atenta"

A obra, estreada en Cannes e exhibida tamén en Canadá, chega ao Festival Europeo de Sevilla como a primeira proxección envolvente da súa historia
Brais-Revaldería-no-Festival-de-Sevilla
12 Nov 2025

O director lucense Brais Revaldería presentou no Festival Europeo de Sevilla a experiencia cinematográfica inmersiva Fillos do Vento: A Rapa, centrada na tradicional Rapa das Bestas de Sabucedo.

Tras a súa selección oficial na categoría Cannes Immersive Competition do Festival de Cannes 2025 e o seu paso polo festival canadense Hot Docs, a peza inicia agora o seu percorrido en España cunha proxección única no Cartuja Center CITE, dentro da programación oficial do certame sevillano.

A obra, dirixida e producida por Brais Revaldería e María Fernanda Ordoñez Morla, mergulla ao público no corazón da Rapa das Bestas mediante unha instalación de proxección 270° en 8K, con son espacial e elementos sensoriais sincronizados, converténdose na primeira experiencia deste tipo presentada no Festival de Sevilla. Ao longo desta semana, haberá seis proxeccións do proxecto ata o día 13.

Estreada mundialmente no histórico Hôtel Carlton durante o Cannes Immersive 2025, Fillos do Vento: A Rapa foi unha das nove obras seleccionadas entre case 200 propostas internacionais, consolidando o seu carácter pioneiro ao unir tradición e tecnoloxía.

Revaldería, gañador de dous premios Emmy e dun León de Ouro en Cannes Lions, destacou que presentar esta obra en Sevilla “é pechar un círculo que comezou hai sete anos nas montañas de Sabucedo”. Segundo explicou, o proxecto “naceu para preservar unha tradición de máis de cinco séculos e trasladala a un novo linguaxe sen traizoar a súa esencia”.

Para o director, a Rapa das Bestas “non é só un acto físico, senón unha conversa entre o ser humano e a natureza, un pulso entre o salvaxe e o ancestral”. Engadiu que “traer esta experiencia a España significa devolver ao público a posibilidade de sentir o seu propio patrimonio con todos os sentidos”. Revaldería salientou tamén que o Festival de Sevilla “dá un paso valente ao abrir as portas a proxectos inmersivos antes ca ningún outro festival en España”, e subliñou a excelente acollida do público: “Sala chea, unha escoita atenta e un diálogo posterior que se prolongou moito máis do previsto. Ese é o mellor indicador de que esta aposta é necesaria”.

⚙ Configurar cookies
0.32703900337219