Burela estivo presente na celebración do Día da Festa Nacional no Palacio Real

A alcaldesa de Burela, Carmela López, participou este domingo na recepción oficial polo Día da Festa Nacional, que tivo lugar no Palacio Real de Madrid. O acto, presidido polos Reis de España, contou coa presenza de autoridades e representantes institucionais de todo o Estado.
López asistiu en representación do municipio mariñán, amosando a súa satisfacción por poder participar nun evento de tanta relevancia. “Foi unha honra representar a Burela neste acto tan especial no Palacio Real. Vivino con moita ilusión e pensando sempre na nosa vila e na súa xente”, declarou a rexedora ao remate da xornada.
Durante a recepción, a alcaldesa aproveitou para agradecer persoalmente ás súas Maxestades o convite e trasladoulles unha invitación ás Princesas para que visiten Burela. “Estou segura de que lles encantaría”, asegurou.
López tamén destacou o trato cordial e próximo recibido por parte do equipo da Casa Real, lembrando a visita institucional realizada meses atrás á localidade lucense. “As horas de traballo conxunto e de proximidade deixaron pegada, e notouse tamén nesta visita ao Palacio Real”, apuntou.
Por último, a alcaldesa reivindicou a importancia de que concellos pequenos como Burela estean presentes en espazos institucionais deste nivel: “É unha oportunidade para dar a coñecer o nome de Burela e o noso xeito de facer as cousas, con orgullo e co cariño da nosa xente”.