Burela recibe a Don Filipe e Dona Letizia como símbolo do seu peso no sector pesqueiro

A localidade de Burela viviu este martes, 17 de xuño, unha xornada histórica coa primeira visita oficial conxunta de Don Filipe e Dona Letizia á provincia de Lugo.

A cita, centrada exclusivamente na vila burelesa, pon en valor o peso específico que ten este enclave dentro do panorama pesqueiro estatal, consolidado como un dos portos máis dinámicos e simbólicos de Galicia.
O porto de Burela, que xera un 25 % do Produto Interior Bruto local, foi recoñecido polos monarcas como un exemplo de modernización, competitividade e compromiso co mar. A visita arrincou ao mediodía co recibimento oficial no Concello por parte da corporación municipal, coa excepción do grupo do BNG. Posteriormente, os Reis desprazáronse ata as instalacións portuarias, onde percorreron o peirao vello e o novo, coñeceron de preto a actividade da Confraría de Pescadores.
Durante o percorrido, tiveron ocasión de presenciar unha descarga de peixe e a correspondente poxa na lonxa, considerada unha das máis importantes do Estado pola súa actividade e volume económico, cunha facturación anual de 60 millóns de euros entre bonito e pescada. A visita tamén incluíu unha parada na nave de redes, onde traballan varias das máis de 4.000 mulleres galegas que manteñen vivos os oficios tradicionais vencellados á pesca.
A xornada tamén deixou espazo para o deporte, coa recepción ao equipo feminino do Burela FS, recente campión da Copa da Raíña e gañador de sete edicións do prestixioso torneo. Os Reis felicitaron persoalmente ás xogadoras e enxalzaron o seu esforzo como exemplo de superación e compromiso co deporte feminino.

A visita real queda xa na memoria colectiva de Burela como un recoñecemento público a décadas de traballo, esforzo e identidade ligada ao mar. Un xesto que reforza a autoestima dunha vila que segue navegando con forza cara ao futuro.