Carla Sesar fai historia: subcampioa do mundo sub 21 en Nairobi

A taekwondista galega Carla Sesar (-57 kg, Natural Sport Ribeira) proclamouse subcampioa do mundo sub 21 no campionato celebrado en Nairobi (Kenia), un resultado histórico tanto para o taekwondo galego como para o español. A deportista completou un brillante torneo con cinco combates de altísima esixencia, nos que demostrou unha capacidade de análise, concentración e resistencia excepcionais.
Sesar abriu a competición fronte á rusa Alisa Potemkina (AIN) nun combate que comezou adverso (1-13 no primeiro asalto), pero no que soubo adaptarse e remontar con autoridade nos dous seguintes (8-3 e 8-4). Na segunda eliminatoria tocou enfrontarse á británica Teigan Smith, nun duelo igualadísimo: 5-2 no primeiro round, 5-6 no segundo e un terceiro asalto que finalizou 2-2 e se decidiu por rexistros a favor da galega.
Nos cuartos de final, ante Mariy Sevostyanova (Casaquistán), repetiu guión: perda axustada no primeiro round (3-1) e remontada firme no segundo (4-5) e terceiro (3-7), garantindo así o pase ás semifinais. Alí esperaba a número 2 do ranking mundial, Fadi Khirfan (Xordania). Sesar impúxose con madurez nun primeiro asalto eléctrico (9-7) e selou o acceso á final nun segundo round que rematou sen puntos e que tamén se decidiu por rexistros.
Xa na loita polo ouro, a galega enfrontouse á marroquí Amina Dehhaoui, actual campioa do mundo júnior. Nesta ocasión, Dehhaoui mostrouse superior e venceu en dous asaltos, deixando a Sesar cunha prata de enorme mérito, que supón un fito para a selección galega e nacional.
No mesmo campionato competiu tamén Helena García (-73 kg, Dobok), que caeu na primeira eliminatoria ante Malak Samy (Exipto) nun combate moi axustado resolto no desempate (2-0, 1-2 e 4-1).
A competición continuará mañá co debut de Javier Otero (-54 kg, Natural Sport), mentres que Adrián Salanova (-68 kg, Maniotas) e Sergio Troitiño (-87 kg, Mat’s) entrarán en liza o sábado.